Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O público non deu as costas á Festa da Carballeira de Zas

Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre superaron todas as expectativas // Sondarúa fixo que todos os asistentes cantaran a pleno pulmón

Rematou unha das edicións máis espectaculares e especiais de A Carballeira de Zas. A celebración viviu un aperitivo moi saboroso xa o venres, pero no día grande, dende o mediodía, a festa non parou.

A sesión vermú abriu as portas da feira de artesanía, que desta volta contou con diversos postos de todo tipo: roupa, mimbre, xogos feitos en madeira, instrumentos tradicionais, cosmética natural, bisutería, etcétera.

Xabier Díaz e as Aduferias de Salitre foron os encargados de amenizar a sesión vermú e a comida, superando todas as expectativas posibles: xuntos crearon un ambiente inigualable e excepcional entre todo o público, este ano incrementado notablemente con respecto a outros anos despois de que as dúas últimas edicións non se puderan celebrar a causa da covid.

As gaitas e as pandeiretas foron as outras dúas grandes protagonistas da xornada; elas e máis o baile. O público non deixou de bailar durante toda a mañá e a tarde, parando unicamente a repoñer forzas ca comida e a bebida.

E a xornada contou cun dos pratos típicos da carballeira, a mexilloada popular, que foi un ano máis un éxito que só recibiu alabanzas por parte dunha gran maioría dos asistentes a esta cita.

Despois da foliada e da actuación do grupo Arredores, a noite deixou sitio para máis festa coas actuacións de Deira, Xisco Feijoó, Rura e Sondarúa. Os encargados de abrir o turno da noite foron os integrantes de Deira, unha banda de folk composta por un asturiano e dous andaluces que crean un estilo moi persoal e auténtico que gustou moito aos que se achegaron a unha das festas máis autóctonas de cantas se celebran en territorio galego e que, ademais, conta coa distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Xisco Feijoó puxo a bailar a toda a Carballeira facendo entrar en calor a todo o público congregado nun entorno que, por momentos, quedou pequeno para dar cabida a todos os asistentes. A versatilidade deste artista non deixou indiferente a ninguén e, dende logo, a todos lle quedaron gañas de que volva.

Os seguintes en subir ó escenario foron os compoñentes do grupo escocés Rura, a aposta internacional do cartel deste ano, que foi tamén un éxito entre os asistentes.

Sondarúa pechou esta 37ª edición co seu estilo combativo que non se fixo repetitivo. O grupo de rap galego puxo o punto final á edición máis esperada e desexada coas súas cancións, coreadas polo público asistente a pleno pulmón, para despedir a festa como era merecido.

A organización xa está pensando na próxima edición despois de rematar esta cun gran éxito de participación, en parte polas gañas que había de asistir a unha festa única despois de dous anos sen celebrarse. E todo indica que, pese a esa ausencia, a Festa da Carballeira de Zas conta cun público moi fiel.

16 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.