Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Mar. A finais de setembro chegou a cotizarse en lonxa a trinta e sete euros o quilo // Aínda non recuperaron os bancos de berberecho, que foi o recurso que máis ingresos xerou o pasado ano // A variedade xapónica tamén escasea TEXTO J. Ramos

O sector marisqueiro sobrevive en Camariñas coa ameixa fina

A alternancia de bancos marisqueiros e unha boa selección dos recursos están permitindo que a agrupación de mariscadoras e mariscadores de Camariñas poida sobrevivir e manter a súa actividade dun xeito continuado ao longo do ano. Desde que iniciaron a nova campaña, alá polo mes de maio, tan só deixaron de faenar cando a presenza de toxina o impediu, e a intención “é tentar de seguir así todo o ano”, afirma o patrón maior, José Ramón Lema.

As intensas choivas do pasado inverno mermaron os seus recursos, especialmente os bancos de berberecho e ameixa xapónica, pero manteñen unha importante reserva de ameixa fina, o cal, unido á boa cotización da mesma, está permitindo ao sector manterse a flote económicamente nestes momentos.

A finais do pasado mes de setembro, a ameixa fina chegou a cotizarse na lonxa camariñana a 37 euros o quilo. Nas últimas semanas, coincidindo coa apertura das campañas marisqueiras en Noia e Muros, os prezos baixaron e actualmente a cotización sitúase en torno aos 24 euros o quilo, segundo indicou Lema Romero. Aínda que a situación non é a mellor, “a xente está conseguindo uns setenta euros diarios por dúas horas de traballo”, sinala. O sector agarda poder manter, alomenos, este ritmo de traballo ata o comezo da campaña de Nadal, cando confían en que as cotizacións suban.

A pesares de todo, os datos de vendas globais reflexan unha importante baixada dos ingresos con respecto ao mesmo período do ano pasado. Así, segundo as estatísticas de Pesca de Galicia, dende o pasado un de xaneiro, a facturación do sector apenas superou os 96.000 euros, dos cales máis de 93.000 corresponden a vendas de ameixa fina, que acadou un prezo medio de 29 euros o quilo. Da variedade xapónica tan só se subastaron 240 quilos.

Unhas cifras que contrastan coas do pasado ano, cando a abundancia e a boa cotización do berberecho elevaron a facturación total ata o día 15 de otuburo por encima dos 280.000 euros, dos cales 200.000 foron xerados polo berberecho.

Actualmente, aínda que a cifra varía, xa que os mariscadores de a flote alternan as artes, nos bancos marisqueiros de Camariñas están a traballar entre corenta e cincuenta profesionais, segundo indicou o patrón maior da localidade. Agardan poder recuperar o berberecho e a ameixa xapónica para poder complementar e mellorar os seus ingresos.

Namentras iso non se produza tentarán alternar os bancos marisqueiros para poder manter unha actividade continuada. En días pasados estiveron traballando no de Area da Vila, “que xa facía moito tempo que non faenábamos alí”, sinalou o patrón maior.

OUTRAS ZONAS. Polo que respecta a outras áreas marisqueiras da Costa da Morte, a Agrupación Río Anllóns, que centra a súa actividade na produción de berberecho, viu tamén lixeiramente mermada a colleita respecto ao ano anterior, segundo datos de Pesca de Galicia.

Así, ata mediados de outubro en 2020 recolleron máis de 28.000 quilos, o que lles supuxo uns ingresos de máis de 235.000 euros, situándose o prezo medio en 8,32 euros o quilo, namentras que no mesmo período de 2021 a produción baixou a 20.500 quilos e a facturación a 177.000 euros, aínda que a cotización media repuntou lixeiramente ata os 8,66 euros por quilo.

Na ría de Corcubión a produción segue a ser escasa, e no que vai de ano colleitaron uns 3.400 quilos de berberecho e pouco máis de douscentos de ameixas. Non obstante, superan os rexistros do pasado ano 2020, cando venderan no mesmo período menos de 2.000 quilos de berberecho e algo máis de 500 de ameixa fina e xapónica.

En Baldaio (Carballo), a produción marisqueira tamén segue en niveis mínimos, aínda que repuntou de xeito considerable respecto a 2020. Segundo os datos de Pesca de Galicia, no que vai de ano colleitaron 885 quilos de ameixa fina, que se cotizou a un prezo medio de 31,66 euros o quilo, namentras que en 2020 apenas extraeran neste mesmo período de tempo 145 quilos.

“Temos que cambiar a mentalidade”

O patrón maior, José Ramón Lema, di que o sector marisqueiro, como moitos outros, “temos que ir cambiando a mentalidade”, pois o cambio climático tamén está a afectar aos recursos. Así, asegura que ao igual que “hai árbores froiteiras que, debido ás temperaturas que estamos tendo este mes, están florecendo, o marisco tamén desova fóra de época”. A alteración das choivas afecta igualmente ao seu desenvolvemento. Así, a cría de berberecho está vendo freado o seu desenrolo naquelas zonas que quedan en seco.

17 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.