Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Ofrece cinco rutas coas que descubrir o territorio // Editou un mapa-folleto coa información, xeolocalizada TEXTO M. Torres

O Son aposta polo turismo sostible e moi experiencial

Baixo o lema Son infinitamente natural, o alcalde do Concello de Porto do Son, Luis Oujo, e a tenente de alcalde, María Maneiro, presentaron este xoves aos axentes turísticos do municipio a nova campaña de turismo sostible, consistente na creación dunha nova imaxe e cinco rutas experienciais a través das que visitantes e turistas poderán explorar medio cento de recursos con gran potencial baixo o prisma da sostibilidade e do turismo de natureza.

“Abrimos as portas do verán con moita ilusión e co obxectivo de axudar a impulsar a recuperación do sector turístico, unha das nosas fontes de riqueza”, sinalou o primeiro edil. Nesta época postcovid, destacou Oujo, é prioritario amosar a imaxe dun Porto do Son natural, sostible, seguro e cun patrimonio material e inmaterial “infinito” do que gozar en calquera momento do ano.

Un obxectivo ao que, de seguro, contribuirá a nova campaña e o material editado polo goberno local xa que as cinco rutas experienciais, presentadas a través dun mapa-folleto en galego e en castelán e con información ampliada na web municipal mediante códigos QR, estarán sempre a disposición do usuario. De feito, a páxina web institucional convértese nun terceiro punto información turística en formato 2.0 que consultar en calquera momento.

Un valor engadido que se quixo achegar a esta campaña foi a colaboración directa cos empresarios locais para convertelos nos primeiros embaixadores da localidade. Maneiro asegurou que eles son “os primeiros e os mellores anfitrións que ten o noso concello para poder ampliar esas experiencias de cada unha das cinco rutas que propoñemos”.

Por iso, tanto no mapa-folleto, que se repartirá entre o sector turístico e que tamén estará dispoñible gratuitamente na oficina de información do Museo Marea e do castro de Baroña, como na web se inclúe ademais un directorio turístico. Nel agrúpase a relación de empresas de ocio e actividades complementarias, restaurantes, bares e tapeo, tendas de alimentación ou aloxamentos que operan no municipio sonense.

“Esperamos que este proxecto sexa útil para o turismo de Porto do Son e que vos axude a todos a superar unha etapa moi difícil para a hostalería”, afirmou a concelleira.

En canto aos percorridos, agrupan medio cento de lugares que coñecer e levar no recordo en estadías de varios días creando, así mesmo, un suxestivo xogo de palabras co nome do municipio para personalizar, aínda máis, cada experiencia individual a través da palabra escrita.

Así, Son Natureza convida a percorrer un patrimonio único en paraxes singulares como o castro de Baroña, os petróglifos da Gurita ou de Laxe da Sartaña, os muíños de San Tomé, a ponte medieval sobre o río Sieira ou achegarse ao inicio do Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia, en O Son, ou á travesía náutica xacobea, que ten entre os seus portos de referencia o de Portosín.

En Son Aventura, preséntase o territorio sonense como un gran escenario de case 95 km2 ao aire libre para todo tipo de deportes partindo da gran tradición local na navegación, no mergullo ou no surf. Terra adentro, invítase a facer parapente desde o monte Iroite, ciclismo, escalada ou sendeirismo. Mentres que Son Eterno condensa unha experiencia máxica para levar no recordo fermosas panorámicas ou a luz do solpor desde case unha ducia de miradoiros ou enclaves emblemáticos do litoral. As praias da Aguieira, Area Longa, As Furnas, o faro Cabeiro, Fonforrón, o monte Enxa e o Tahúme ou o miradoiro de Caamaño son algunhas das paradas obrigadas.

No caso de Son Mar e Son Sabor, o patrimonio e a cultura mariñeiras sonenses son a base sobre a que se artellaron estas dúas experiencias para vivir 100 % o vínculo histórico de Porto do Son co mar. A primeira centrouse no oficio e na tradición e a segunda, na degustación dos mellores produtos que cada día se descargan nos portos locais.

02 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.