Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Son estuda alternativas para rehabilitar o inmoble sito na avenida de Galicia

García trasladoulle a Oujo a colaboración técnica do IGVS e Xestur no desenvolvemento do parque empresarial sonense

A Xunta de Galicia colaborará co Concello de Porto do Son no desenvolvemento de actuacións, promovidas pola Administración local, en materia de vivenda e de solo empresarial.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, mantivo este xoves unha reunión co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo Pouso, na que tamén participou a tenente de alcalde, María Maneiro Quintáns, onde abordaron as condicións dun dos programas dirixidos aos concellos galegos para rehabilitar inmobles de titularidade municipal e facilitar vivenda pública en alugueiro, como é o Fondo de Cooperación.

O director xeral do IGVS recordou que o Goberno galego decidiu recentemente duplicar o capital do Fondo de Cooperación ata os 20 millóns de euros, grazas ós que poderá seguir facilitando créditos sen xuros ós municipios que desexan executar actuacións de conservación e rehabilitación de inmobles municipais.

O rexedor local valora moi positivamente esta alternativa para poder levar a cabo actuacións de recuperación de espazos. “Estamos estudando a posibilidade de acometer con estes fondos a rehabilitación do inmoble adquirido no ano 2018 polo Concello, localizado na avenida de Galicia, e que actualmente presenta un mal estado de conservación”, indicou Oujo.

Trátase dun edificio de tipoloxía mariñeira que está incluído no catálogo de patrimonio municipal, xa que conta con elementos singulares a protexer como carpinterías de madeira, balcóns e varandas de fundición e recebados pintados.

“Tamén barallamos esta como unha boa oportunidade para desenvolver os dous plans especiais de protección e reforma interior que están localizados dentro do núcleo urbano de Porto do Son”, avanzou o alcalde sonense.

García tamén lle presentou un novo programa de préstamos de apoio ás entidades locais, que terá un funcionamento similar ao Fondo de cooperación; pero no caso concreto desta nova iniciativa será facilitar aos concellos a liquidez necesaria para promover ou comprar vivendas de nova construción dirixidas a alugueiro social.

Outro dos puntos abordados na reunión foi o desenvolvemento dun parque empresarial por parte do Concello. Nese sentido, o director trasladou o seu compromiso de que o IGVS e a empresa pública Xestur prestarán o apoio técnico para que desenvolva esta actuación no momento no que conclúa a tramitación dunha modificación do seu plan xeral, para adaptar o futuro polígono ás necesidades actuais. “O importante para que o parque sexa viable é que o custo por parcela sexa asumible polas empresas; e niso estamos a traballar”, concluíu Luis Oujo.

05 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.