Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Obradoiros, literatura e son en lembranza de Xela Arias

Apenas é a quinta muller á que honran cun Día das Letras // Arrincan este mércores cunha mostra polos escaparates

Ames volve dalo todo para celebrar o Día das Letras Galegas, e divulga unha programación na honra da creadora, editora, tradutora e mestra Xela Arias que inclúe mostra, obradoiros, concertos ou presentacións literarias para estes días. Cunha destacada obra poética e literaria fóra de convencionalismos e caracterizada por unha linguaxe urbana, vangardista e revolucionaria, Arias é apenas a quinta muller, incluída Rosalía de Castro, a quen se lle dedica a efeméride neste 2021.

O programa arrinca este día 12, coa exposición Xela Arias, desde nós en ti. Trátase dunha intervención nos escaparates de distintos establecementos de Bertamiráns e do Milladoiro, que amosarán carteis, elaborados polo alumnado do IES de Bertamiráns, nos que se recollen aspectos da vida, a obra e a época na que viviu a poeta sarriá. Esta exposición urbana amosarase ata o día 31 de maio. Outros traballos realizados tamén por alumnos do mesmo instituto acadaron o primeiro premio no concurso-exposición Letras 2021 da Xunta de Galicia, e poderán verse na casa de cultura de Bertamiráns do 16 ao 21 de maio.

Tamén haberá presentacións de libros a cargo da biblioteca municipal, con sede nas dúas urbes. Así, o día 19, ás 20.00 horas, o Pazo da Peregrina acollerá a posta de longo de Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias da filóloga e crítica literaria Montse Pena. O xoves 20, no mesmo espazo e á mesma hora, presentaranse os poemarios gañadores do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Asistirán Charo Pita, que acadou o primeiro premio con O cuarto de Jane, e Laura R. Cuba, que gañou un accésit con Rascamasseiras. E para o mércores 26 está prevista a presenza de Suso de Toro en Ames, que traerá Un señor elegante, a súa última novela.

Todo isto sen esquecer que neste mes de maio entregaranse os premios da XVIII edición do Certame Literario de Ames. O acto terá lugar o vindeiro día 21, a partir das 20.00 horas e no Pazo da Peregrina.

Tampouco quedarán á marxe os máis cativos, e para achegarlles a figura da poeta homenaxeada, as bibliotecas municipais preparan diversos obradoiros. O primeiro deles terá lugar o día 21 de maio ás 17.30 no local do Milladoiro, e está dirixido á rapazada de 3º a 6º de Primaria. O obradoiro leva por título Quen dis que era Xela Arias? e correrá a cargo de Xandobela. Desde o 3 ao 19 de maio está aberto o prazo para inscribirse. Xa o sábado, 29 de maio, ás 11.30, horas, na biblioteca de Bertamiráns, terá lugar outro obradoiro Creacontos, taller de creación literaria, a cargo de Andamiaxe. O prazo para inscribirse está aberto desde a xornada do día dez ata o vindeiro 27 de maio.

Por outra banda, xa están na billeteira da web municipal os convites gratuítos para o espectáculo de narración oral Ao redor de Xela Arias. E será Raquel Queizás quen protagonice esta contada que afonda na vida e na obra de Xela Arias. Terá lugar o 25 de maio, ás 17.30 horas na casa de cultura de Bertamiráns e poderán asistir todos e todas as maiores de cinco anos que así o desexen.

Un concerto da Banda da Loba, que presentará A fábrica de luz. Homenaxe a Xela Arias, pechará, o día 27, ás 21.00 horas, na Praza de Chavián de Bertamiráns, as actividades do mes das letras en Ames.

SATISFACCIÓN. As responsables políticas desta programación manifestan a súa satisfacción polos actos previstos e a súa intención de seguir potenciando a lingua e a cultura. A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, di que “dende o noso Concello queremos celebrar a obra e a figura de Xela Arias cunha ampla programación que inclúe varias propostas para públicos diversos, axeitadas ás limitacións que nos plantexa a situación sanitaria actual. Deste xeito, as amesás e os amesáns poderemos celebrar o día grande da nosa lingua e da nosa cultura sen deixar de ter presente o importante que son os 364 días restantes do ano para traballar arreo a prol da nosa lingua”.

A concelleira de Cultura e responsable do servizo de bibliotecas, Natividade González, gaba o feito de que este ano sexa unha muller a quen se lle dedique o Día das Letras: “Este ano, as Letras Galegas teñen como anfitriona no seu día a unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea, unha poesía considerada singular, transgresora, sincera e comprometida. Desde o departamento de Cultura, a biblioteca municipal de Ames e o SNL están previstas diversas iniciativas para dar a coñecer a obra da autora homenaxeada , elaboración de recursos, presentación de libros, exposicións, música e o seu compromiso coa lingua, ao igual que a súa influencia na década dos 80, que marcou unha nova etapa, nos temas, no estilo e na forma”.

A concelleira destaca tamén “a importancia de que sexa unha muller; aínda que está moi preto María Victoria Moreno, Xela Arias, é a quinta muller que homenaxeamos nos 58 anos da letras galegas”.

10 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.