Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Obrigan a que a Xunta admita a solicitude do parque eólico de Pedrouzos na Laracha

O TSXG di que non se demostrou que haxa un solapamento con outros proxectados

A Laracha. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu o dereito da empresa Norvento a que a Xunta admita a trámite a súa solicitude de autorización administrativa previa do Parque Eólico Pedrouzos, situado na Laracha.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria alegou para inadmitir a petición, en abril de 2020, a existencia de solapamento entre a proposta de Norvento e a doutros parques eólicos que constaban como construídos ou en trámite. O tribunal, con todo, entende que a tramitación do expediente por parte da administración foi incorrecta, pois salienta que “nin o Rexistro Eólico de Galicia (REG), por si só, nin a consellería foron, nin son, capaces de acreditar a condición de solapamento entre as solicitudes da demandante e as doutros parques eólicos en tramitación”.

Os xuíces inciden en que a Xunta non probou a concorrencia do solapamento, nin en relación co Parque Eólico Xalo nin co de Coto Loureiro, tramitado ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Os maxistrados aseguran que no expediente “non se deu xustificación documental nin técnica de ningún tipo dos feitos en que a administración baseaba a súa conclusión de solapamento”. En canto á documental, destacan que non xustificou “a preexistencia dos procedementos de solicitude de autorización previa doutros parques eólicos (nin se identificaron os expedientes, nin se deu razón da súa simple existencia, nin se achegaron datas que xustificasen a anterioridade no tempo)”. E, sobre a técnica, explican que “non é suficiente con expresar que unha solicitude cursada con anterioridade determina o solapamento, senón que fai falta que a administración acredite que o espazo xeográfico que ocupa o parque eólico para o cal se pide a solicitude previa se solape no sentido previsto na disposición transitoria sexta da Lei de Aproveitamento Eólico de Galicia (LAEGA)”.

Na sentenza, advirten que da simple lectura do precepto da LAEGA “se advirte o seu carácter altamente técnico”, polo que conclúen que a apreciación da concorrencia de solapamento require dun informe que especifique as características dos aeroxeradores instalados ou proxectados, así como a súa situación exacta, referidos ao parque eólico anterior (construído ou simplemente en tramitación), posta en relación coa nova solicitude, que tamén require dunha determinación exacta da súa localización.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo explica no fallo que a resolución da Xunta “non resulta motivada”, pois se basea na publicidade que ofrece o Rexistro Eólico de Galicia (REG), un documento que afirma que “non pode ser utilizado como un verdadeiro rexistro que dispense publicidade fronte a todos”. Así, subliña que tampouco pode servir para xustificar “a existencia de solicitudes previas de autorización de parques eólicos, ao carecer dos elementos necesarios para identificar aos titulares, os procedementos administrativos de referencia ou a data e hora de solicitude”. Ademais, a regulación do REG, segundo advirte a Sala, “non resultaba de aplicación ás solicitudes cursadas ante a administración xeral do Estado no momento dos feitos”.

O TSXG afirma que os parques eólicos tramitados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica non están obrigados ata a Lei 9/2021 a estar rexistrados no REG, polo que descarta a súa fiabilidade como ferramenta electrónica de acceso e consulta pública e de información de apoio para a xestión de solapamentos de parques eólicos. “O REG non é fiable porque non todos os parques eólicos construídos ou proxectados en Galicia teñen que constar en el”, recalcan os maxistrados na sentenza, na que tamén destacan que o REG non permite sequera a identificación administrativa dos parques nin a determinación da data e a hora da inscrición. Ademais, indican que, tal e como recoñeceu a administración no documento remitido ao tribunal en abril de 2022, “a inscrición no rexistro non xera un documento acreditativo”, é dicir, “impide obter certificacións dos feitos rexistrados”.

“Ten que ser a administración, a partir dos datos de que dispoña, veñan do REG ou doutro sitio, quen declare a existencia do solapamento. A declaración será un siloxismo que realice a administración onde funcionen como premisas a concorrencia xeográfica de proxectos e a constatación do momento da solicitude, dando preferencia ao anterior no tempo”, conclúe a Sala, á vez que incide en que o REG é “incapaz de facilitar de forma autónoma esta conclusión”. Contra a sentenza cabe presentar recurso de casación.

16 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.