Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ojea aborda a emerxencia climática na ría de Noia

A conferencia enmárcase nas xornadas sobre medio ambiente de Plademar // Será este venres, no edificio do antigo casino

No marco da segunda edición das xornadas sobre marisqueo e medio ambiente que organiza Plademar, o edificio do antigo Casino de Noia (segundo andar) acollerá este venres a conferencia principal da iniciativa, Emerxencia climática na ría de Noia: as consecuencias do cambio climático a nivel local, que terá lugar a partir das 17.30 horas.

Nesta ocasión, os asistentes poderán desfrutar dunha charla a cargo de Elena Ojea, licenciada en Ciencias Ambientais pola Universidade de Salamanca, doutora en Economía Ambiental pola Universidade de Santiago de Compostela e investigadora no Future Oceans Lab no CIM-Universidade de Vigo.

Elena Ojea é unha das trescentas científicas, a única galega entre máis de 70 países, que participou na elaboración do informe do IPCC, o Panel Intergobernamental do Cambio Climático de Nacións Unidas, que supuxo cinco anos de ardua investigación. “Este organismo é o máis importante que hai no mundo contra o cambio climático, e supón a ferramenta científica máis válida para saber que efectos ten exactamente o cambio climático e como mitigalo”, sinalaron dende Plademar.

A experta é a autora principal do capítulo 3 do informe sobre ecosistemas oceánicos chamado Ocean and coastal ecosystems and their services, e recalará na vila noiesa para abordar os resultados do devandito informe e do que se pode facer para combater as consecuencias do cambio climático no ámbito mariño, do que depende a economía de toda esta zona.

O documento revela que o incremento das ondas de calor, as secas e as inundacións, xa están a superar a tolerancia das plantas e os animais, e están a provocar extincións masivas de especies. En canto ás especies mariñas, Ojea indica que “as vagas de calor mariñas que duran entre semanas e meses están levando ás especies mariñas aos seus límites de tolerancia”, afirma.

Asemade, apunta que os episodios de mareas vermellas van ser máis intensos e máis daniños no futuro e que, no caso concreto dos bivalvos, “experimentaremos unha redución da produtividade importante, sobre todo, pola redución dos seus hábitats”, continuaba a experta.

Neste sentido, tamén hai que ter en conta que, “segundo apuntaba tamén o informe de Seo BirdLife de febreiro de 2022, Galicia será unha das zonas máis afectadas polo aumento de temperaturas, sobre todo nas zonas de litoral, onde se esperan incrementos de temperatura media de máis de 1,5º e onde os efectos do quecemento global serán máis drásticos”, informan os organizadores das xornadas.

Lembrar que a plataforma Plademar, presidida por Pablo Silva, foi creada no ano 2016 para defender o medio ambiente, a ría de Muros-Noia, os postos de traballo que xera e a súa biodiversidade. Dende entón, levan a cabo múltiples iniciativas.

27 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.