Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os amesáns de máis idade tamén teñen campamento propio durante este verán

Arrancan neste mes unha serie de rutas polos espazos naturais do municipio // A actividade inaugurouse o pasado xoves cunha visita a Pontemaceira

Durante este mes de xullo o programa Amessán reinvéntase unha vez máis e implementará, para os seus usuarios e usuarias, o Campamento urbano sénior, onde os participantes poderán coñecer o concello de Ames e desfrutar da actividade física ao aire libre por medio de rutas verdes espalladas polo termo municipal. A proposta xa foi inagurada o pasado xoves, 1 de xullo, cunha visita a Pontemaceira .

Dende o Concello explican que as camiñatas polos espazos naturais do municipio percorrerán unha ruta por Pontemaceira, haberá outro roteiro por Ríamontes, a ruta da Auga e a visita ao Fogar do Burro, onde realizarán unha actividade interxeracional. O campamento rematará a finais do mes de xullo cun xantar grupal no Parque do Ameneiral.

A concelleira Luísa Feijóo asegurou que “este foi un ano moi complexo onde tivemos que facer paróns e mesmo reprogramar e reformular as actividades para adaptarnos as restricións marcadas dende Sanidade, aínda así fomos quen de ampliar a oferta das actividades do Programa Amessán e aumentalo un mes máis ante a demanda e a necesidade deste tipo de actividades, fomentando así a actividade física e cognitiva tan importante para os nosos maiores. Amessán este ano saíu ás rúas e agora para rematar organizamos este Campamento urbano sénior que está a ter moi boa acollida por parte dos e das participantes”, explicou.

Ademais, animou dicindo que: “Xa estamos coa vista posta na vindeira edición 21/22, na cal esperemos que xa se poida levar a cabo o programa completo e aumentar o número de participantes e a oferta de actividades sobre todo polo rural, e na que introduciremos pequenas novidades como saídas culturais, excursións e a ampliación desta primeira experiencia de campamento urbano”, sinala.

Esta nova actividade amplía a programación da iniciativa Amessán, que está dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas no Concello de Ames. Neste programa tamén poden participar aquelas persoas con diversidade funcional, presentando un informe médico, que recomende a súa asistencia a algunha das aulas.

A oferta deste curso incluíu cursos de decoración e restauración; estimulación cognitiva; ximnasia terapéutica; e música tradicional galega, pensados sobre todo para coidar a saúde física e emocional dos amesáns “máis veteranos”.

CANTA CON AMES Por certo que onte tivo lugar a fase de preselección do programa de karaoke Canta con Ames, que se celebrou na Praza da Maía en Bertamiráns. Participarán 14 persoas repartidas en tres categorías: infantil, xuvenil e sénior.

Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, quixo agradecer a participación de todos os que se inscribiron. “Deste xeito, aparte de que cumprimos unha das ilusións de moitos/as persoas aficionadas ao Karaoke, tamén axudamos a dinamizar o noso comercio local e a hostalería”. A semifinal terá lugar o 28 de xullo na praza de Manuel Murguía, en plena celebración da festividade da Madalena. Cada cantante interpretará unha peza, ou segmento, en galego, castelán ou inglés. Desta fase sairán 6 seleccionados que pasarán á fase final, que será o 7 de agosto no parque do Ameneiral (Bertamiráns).

04 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.