Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 17 agosto 2022
14:04
h

Os Camiños de Brandomil e Muros-Noia aspiran a ser recoñecidos oficialmente

Dictaminarao un equipo de investigación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento // Fixará os criterios e requirimentos

O Camiño a Muxía por Brandomil (Zas) e o Camiño a Muros-Noia figuran entre as sete rutas que serán avaliadas polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, co fin de que poidan ser recoñecidos oficialmente como Camiños de Santiago.

Así o acordou o Consello da Xunta para dar cumprimento ao establecido na Lei de patrimonio cultural de Galicia, que no seu artigo 73.3 establece que poderán ser recoñecidas aquelas rutas das que se documente e xustifique convenientemente a súa historicidade como rutas de peregrinación a Santiago e a súa influencia na formalización da estrutura do territorio polo que transcorren.

Con tal fin, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento creará grupos de traballo baixo a súa coordinación, os cales desenvolverán o estudo e análise desde a perspectiva da historia, a historia da arte, a xeografía e os estudos territoriais e a antropoloxía sociocultural.

Ademais, elaborarán unha memoria metodolóxica na que se recollerán de forma clara e diferenciada os criterios e requirimentos de estudo e o grao en que o seu cumprimento pode determinar unha xustificación suficiente para a consideración dunha ruta como Camiño de Santiago, ou ben como unha ruta ou itinerario cultural que teña entre os seus valores a relación xacobea en maior ou menor intensidade. Tamén realizarán unha avaliación específica para cada unha das rutas, ás cales se lles aplicará a metodoloxía posta en marcha para logo incorporar as conclusións particulares sobre a consideración ou non como Ruta Xacobea.

O anuncio foi acollido con gran satisfacción entre os membros da Fundación Brandomil que, dende hai tres anos, colleu o timón dunha loita que se remonta a décadas atrás. O seu presidente, José Pérez Santos, amosou a súa “confianza plena” en que “por fin se fará xutiza á historia”. Son moitos, engade, os argumentos que certifican que o Camiño a Muxía por Brandomil era Ruta Xacobea.

Entre eles destaca que os dous mapas máis antigos do Reino de Galicia recollen que a única ponte histórica que permitía cruzar o Xallas para viaxar dende Santiago cara a costa é a de Brandomil. A maiores, sinala Pérez Santos, “o Plan Xeral do Concello de Zas recolle que esta ruta por Brandomil foi utilizada como Camiño de Santiago, un documento que foi aprobado pola propia Xunta de Galicia”.

Outro terceiro gran argumento, engade, “ofréceo o historiador e gran patrocinador do culto xacobeo, López Ferreiro, sinalando que a cristianización fíxose a través das calzadas romanas, e Brandomil é identificada no Itinerario Antonino como a Vía XX”. Ademais, “este itinerario xa foi recoñecido como xacobeo polo Cabildo de Santiago”, concluíu José Pérez.

O físico baiés Jorge Mira, que é, xunto co historiador Xosé María Lema e o xornalista Lois Oreiro, membro do Consello Asesor da Fundación Brandomil, dixo que “isto é un salto moi importante, pois ata agora había un gran traballo feito e moitas iniciativas, pero o escenario era incerto. Agora sabemos que nun prazo de pouco máis dun ano vaise dedicir cientificamente se procede o recoñecemento desta ruta como Camiño de Santiago de Compostela, con todo o que conleva”.

04 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.