Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os horarios da Policía Local avivan unha nova polémica en Ponteceso

O CSIF e a oposición din que foron enviados a patrullar polo monte, algo que nega o alcalde

O sindicato CSIF e a oposición de Ponteceso veñen de denunciar que este mércores os axentes da Policía Local foron enviados polo alcalde, Lois García (PSOE), a patrullar a pé polos montes e as praias de Niñóns e Lago, despois de rexeitar, segundo a agrupación sindical, unha modificación dos horarios laborais que lles impediría “conciliar el trabajo con su vida personal y familiar, obligándoles a trabajar sábados y domingos”.

Aseguran que lles foi retirado o coche patrulla, e un chófer levounos ata a zona de Niñóns e volveunos a recoller ao remate da xornada. Dende o sindicato CSIF xa deron traslado á Fiscalía e ao Xulgado desta situación, e non descartan emprender mobilizacións ou paros “en señal de protesta ante esta esperpéntica situación que estamos viviendo todos los días”.

O alcalde, Lois García, nega que lles mandase patrullar polo monte, e di que tanto os sindicatos como a oposición “están moi mal informados”. Sinala que o Concello vén de incorporar dous auxiliares e agora contan con catro axentes “polo que a intención do goberno é que presten servizo os sete días da semana e non só de luns a venres”. Asegura que precisamente se reforzou o servizo con ese fin, “pois somos un concello turístico e a seguridade tomámola moi en serio”.

O feito de que onte fosen enviados a Niñóns “é algo normal, é unha parroquia máis, e mañá irán a patrullar a outra, pero ninguén lles dixo que fosen ao monte”. Respecto a non dipoñibilidade do vehículo policial, García Carballido asegura “que está no taller para cambiar as rodas, porque así o pediron eles, e agora imos incorporar tamén un coche todoterreo”.

Respecto ao CSIF, o rexedor di que “están asesorando moi mal aos traballadores; xa presentaron varias querelas e todas foron arquivadas e non pediron perdón”. Os veciños deben saber, engade, que “o alcalde vai loitar para que todos os recursos humanos estén ao servizo da xente”.

Pola súa banda, o PP, a través do seu portavoz, Daniel García, sumouse ás queixas do CSIF e amosou a súa solidariedade cos traballadores e reitera que “a situación que se vive en Ponteceso é insostible”. Demanda “altura de miras” e “responsabilidade política” ao PSOE provincial e autonómico. “O alcalde goberna con tres concelleiros dunha corporación de trece e non é capaz de chegar a acordos de ningún tipo”, afirma.

Lembra o voceiro popular que se “están perdendo oportunidades importantísimas e esta situación ten cada vez máis difíci solución se non pasa pola dimisión do rexedor”.

Tamén os concelleiros non adscritos (exsocialistas escindidos do goberno) acusan a Lois García de tratar “o Concello de Ponteceso como o seu cortixo e imperio persoal, e agora danos unha nova mostra do seu carácter caudillista e ditatorial cando as cousas non se fan como quere”.

Desta vez, engaden, mandou aos axentes da Policía Local a patrullar o monte “sen recursos tan básicos como auga potable, a sitios peligrosos sen cobertura de teléfono, e sen un vehículo por si lles pasa algo, ademais de deixar aos veciños desatendidos ante o que poida pasar”.

Todo elo, sinalan, “por non someterse ao xugo irracional dun rexedor cegado polo poder e que persegue aos traballadores que se negan a ir en contra do sensato e legal como si de presas de caza se tratase”. Mentres, afirman, “pon a patrullar e a limpar as rúas a veciños que están en Protección Civil, que non están para iso, pero usa a algúns voluntarios para facer os traballos que correspondían aos traballadores do Plan de Emprego Social que se creou co soldo dos políticos pero, a día de hoxe, aínda non di a onde foron eses cartos e os traballadores están sen contratar”.

Os edís non adscritos amosan tamén “todo o apoio aos axentes da Policía Local, pois o seu servizo sempre é necesario, máis aínda na tempada de verán e, sobre todo, nas zonas urbanas”. M. Lavandeira

14 jul 2021 / 18:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.