Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os mineiros de Touro denuncian intereses ocultos dos ecoloxistas

Afirman non entender o seu rexeitamento ao proxecto para restaurar a calidade das augas no entorno da vella mina

A Asociación Mineiros de Touro e O Pino, que representa a máis de 1.300 asociados veciños e veciñas da zona, vén de denunciar “unha vez máis” a forma de actuar de certas asociacións ecoloxistas. Segundo aseguran, estes colectivos “están empeñados en manipular, alarmar e mentir, creando un medo e un catastrofismo completamente infundado”.

Desta volta, sinalan os mineiros, están a “trasladar o seu activismo político á loita contra un proxecto para restaurar a calidade das augas no entorno da vella mina”, que promoverá a construción de dúas plantas de tratamento de augas. De novo, argumentan, “o que menos lles preocupa é o desenvolvemento de Galicia e a despoboación das zonas rurais. O único que move a estas asociacións é un interese puramente político e partidista”.

Segundo explican, os ecoloxistas “quéixanse do estado actual das augas e esixen a súa restauración antes de retomar calquera proxecto de aproveitamento do cobre que segue habendo no xacemento, mediante un proxecto que aportaría riqueza e emprego a toda a comarca”. Máis aínda, engaden, “cando a empresa presenta esta iniciativa, sen estar obrigada e sen pedir nada a cambio, para solucionar definitivamente o problema, estes do Non a todo chámano vertido de augas de mina de forma encuberta”.

Desde a Asociación Mineiros de Touro e O Pino desminten rotundamente este extremo, e detallan que esas plantas de tratamento o que van facer é “tratar as augas que saen da vella mina polos regatos Pucheiras, Portapego, Felisa e rego das Rozas, para que vaian en perfectas condicións”. E fano, suliñan, “asumindo o inmenso custe económico que supón a súa construción, operación e mantemento. Ademais, tal e como nos explicaron, esta é só unha parte dun proxecto de restauración ambiental moito más amplo”.

Para os mineiros, o que están a facer determinadas asociacións ecoloxistas é meterlle medo á xente “con información que fan parecer verídica”. Non entenden que se opoñan a un proxecto chamado a solucionar a cuestión das augas. A única explicación que lle atopan a esta postura de bloqueo é “favorecer os seus obxectivos políticos e ter o seu espazo na prensa”. Lembran que “a nosa zona e o noso entorno son marabillosos, e falar mal deles non vai axudar a que veñan a coñecernos ou a emprender aquí un proxecto de vida: só traerá máis abandono e degradación”.

Por todo o exposto, os mineiros pídenlle aos ecoloxistas que deixen que empresas como Explotaciones Gallegas, “que expoñen unha inversión millonaria, leven a cabo os seus proxectos dun xeito respectuoso e sostible”. É o xeito, conclúen, de “preservar a nosa comarca, as nosas xentes e a nosa economía local, e tamén a nosa natureza. Todo é compatible. E, quen diga o contrario, está escondendo un interese oculto”.

29 oct 2021 / 09:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.