Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os muíños de Entre Ríos e A Ponte recuperan o esplendor

O Museo Etnográfico Casa do Padrón, en Doade (Lalín) vén de acometer unha nova reforma dos muíños de Entre Ríos e A Ponte. Así o anunciou o director do museo, Manuel Blanco, quen explicou que “como todo traballo feito con cariño, a restauración e os labores de posta a punto dos muíños de Entre Ríos e a Ponte, que xa tiñamos salvado do seu estado ruinoso no ano 2002, nos proporcionan a inmensa alegría de comprobar como a contorna natural biosaudable de Entre Os Ríos, recupera o seu esplendor de antano, co valor engadido dos novos servizos achegados recentemente polo Museo Casa do Patrón”. Blanco detallou que as recentes obras de restauración, consolidación e posta en marcha do Muíño de Entre Ríos, en serio perigo de derrube pola acción subterránea das augas, que levaba preto de 20 anos sen funcionar, superaron os 7.000 euros, invertidos en proxecto, permisos e obras de consolidación e restauración exterior e interior de paredes, arranxo e reposición da maquinaria interna do muíño (pechadoiro e rodicio) e limpeza de canle. Do total do coste, 4.755 dos euros serán aportados pola Deputación de Pontevedra, a través da súa liña de axudas ao Patrimonio Marítimo-fluvial da provincia.

Os labores de mantemento realizadas no Muíño da Ponte, e acondicionamento das pontellas de entrada ao recinto, permitirán que os muíños, por unha banda continúen realizando os seus labores de moenda tradicional dos herdeiros copropietarios dos mesmos, explica Blanco, para engadir que “agradecemos a súa boa disposición e colaboración nos traballos executados, e sobre todo a súa musealización, para ser utilizalos nas múltiples demostracións da moenda tradicional en muíño de río para os numerosos colexios e visitantes do museo que nos solicitan esta actividade”, dixo.

O director da Casa do Padrón destaca que ao contemplar ese fermoso e singular conxunto, “un decátase de que conta con dous muíños ben restaurados, en perfecto estado de funcionamento, coas súas presas de acceso e saída de auga cheas e ben limpas”, explicou.

Agora, sinala, aprézase a choiva caendo mansamente sobre as copas das variadas árbores (ameneiros, bidueiros, carballos e freixos), o que contribúe dun xeito decisivo a que o Asneiro vaia acadando a normalidade do seu caudal, despois da intensa seca estival, “así como a que a natureza agrome por todas partes, as mesas e bancos de pedra e madeira listas para utilizar por veciños e visitantes, a ruta homologada PR-G210, que transcorre ao carón do río, atravesando este parque natural, un miradoiro con fermosas panorámicas sobre o Pozo Negro, o aparcadoiro de Os Muíños e todos os servizos necesarios para gozar dos elementos máis auténticos da Galicia enxebre e profunda”, sinalou.

Finalmente, Manuel Blanco, asegura que se trata dun verdadeiro paraíso “no que paga a pena vivir” e afirma sentirse orgulloso do traballo feito nesa contorna.

21 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.