Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os nenos de Arzúa e Melide trataranse no SAT en breve

Tamén forman parte do Servizo de Atención Temperá Toques, Vilasantar e Santiso // Arrancará a partir do vind eiro mes

As nenas e nenos de ata 6 anos que padezan trastornos no desenvolvemento ou se atopen en risco de padecelos contarán dende setembro cun servizo de atención temperá posto en marcha de forma conxunta polos Concellos de Melide, Arzúa, e tamén de Santiso, Toques e Vilasantar. Estes concellos xuntaron esforzos a través dun convenio polo que optaron en conxunto ás subvencións autonómicas nesta materia.

A atención temperá engloba o conxunto de intervencións orientadas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á familia e á contorna desta, co obxectivo de atender as necesidades derivadas de trastornos de desenvolvemento ou do risco destes. Estas intervencións procuran o desenvolvemento da autonomía e a consecución da súa inclusión social, tanto a través da atención das necesidades transitorias como das que son permanentes.

O servizo contará con tres profesionais cos seguintes perfís: psicoloxía, logopedia e terapia ocupacional. O seu horario de funcionamento será de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00h. Todo o servizo será gratuíto, e prevese a súa entrada en funcionamento ao longo do mes de setembro.

Serán as e os pediatras os que deriven aqueles/as pacientes que requiran deste servizo ao mesmo. Con este fin, desenvolverán os diagnósticos correspondentes e, no caso de confirmar a sospeita sobre a existencia dun trastorno, derivarán o menor e á familia ao equipo correspondente.

A concelleira de Política Social de Melide, Carmen Liñeira, valorou moi positivamente o comezo dun novo servizo co que “seguimos estendendo políticas de benestar para o conxunto da poboación de Melide”. Ademais, amosou a súa satisfacción por tratarse dun servizo “que demostra a capacidade de colaboración entre as distintas administracións para atender as necesidades da veciñanza”. Foi o pasado mes de marzo cando o pleno de Melide aprobaba a adhesión do municipio ao convenio.

O teléfono de contacto do servizo é 672 167 721 e o correo para solicitar información ou dúbidas é atenciontempera@gmail.com.

10 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.