Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os nenos de Santa María de Torás conquistaron aos laracheses con panxoliñas

Fixéronse co primeiro premio do tradicional concurso de Nadal // Participaron seis agrupacións e coros de parroquias do concello

O Concurso de Panxoliñas María Angeriz Tuset volveu a encher de maxia o Nadal na Laracha, cun público entregado e unhas actuacións que foron moi aplaudidas por todos os asistentes que se deron cita na casa da cultura da capital larachesa.

Logo da deliberación, que non resultou doada para o xurado, os gañadores da primeira categoría foron os integrantes do grupo de nenos e nenas da Asociación Cultural Santa María de Torás, que foron agasallados cun premio de 300 euros.

Pola súa banda, na segunda categoría o primeiro premio, dotado con 250 €, levárono os Larapeteiros da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco. O segundo foi para o Coro parroquial xuvenil Santa María de Torás, que levou tamén 250 euros.

E na terceira categoría gañou a Asociación Cultural Santa María de Torás (200 €), seguida do Coro As Salseiras de Caión (200 €). Por último, na cuarta categoría a agrupación gañadora foi o Coro Xuvenil Santiago de Vilaño (175 €). Cada grupo recibiu, ademais, unha gratificación de 200 € polo feito de participar.

Despois de dous anos de espera, por mor da pandemia, o certame recuperou este ano o seu formato presencial. Unha cita pensada para dar visibilidade ao bo facer das asociacións culturais e coros parroquiais e tamén co obxectivo de fomentar o espírito destas datas de Nadal, ao tempo que supón igualmente un apoio económico para as entidades participantes. A xornada festiva complementouse coa posta en escena do espectáculo do Mago Xacobe.

O certame de panxoliñas puxo fin ás actividades de Nadal do 2022 programadas polo Concello larachés, pero continuarán neste ano novo. A primeira cita será este luns, día 2 de xaneiro, cunha tarde de cine infantil na casa da cultura. A partir das 17.30 horas proxectarase a película Valentina. O martes, día 3, a rapazada maior de 12 anos viaxará á cidade da Coruña para gozar do escape room Clue Hunter. Partirán ás 17.30 horas da Praza do Concello.

Todo á espera dunha das citas máis agardadas do Nadal: a chegada dos Reis Magos. Este ano, Melchor, Gaspar e Baltasar teñen previsto visitar as terras larachesas os días 4 e 5 de xaneiro. A gran cabalgata percorrerá todas as parroquias do concello. Como colofón, o día 5, os pequenos e as súas familias poderán gozar dunha gran festa infantil no pavillón do IES Agra de Leborís.

Lembrar ademais que está en marcha o 27 Concurso de Escaparates de Nadal. Ata as 12.00 horas do día 3 de xaneiro pódese votar dándolle a “gústame” no Facebook do Concello. Este ano repartirán 1.500 euros en premios.

02 dic 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.