Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os usuarios do centro ocupacional do Saiar embelecen o entorno

Xunto co Concello de Caldas, acondicionaron e renovaron o xardín da residencia de maiores

Usuarios do Centro Ocupacional do Saiar de Caldas en colaboración co Concello fixeron durante os últimos días traballos de renovación e acondicionamento do emblemático espazo axardinado público situado fronte o centro residencial da terceira idade Nosa Señora da Asunción de Caldas de Reis. Esta actuación buscou reforzar a autonomía e a inclusión laboral dos usuarios deste centro de titularidade autonómica que atende a unhas 40 persoas con algún tipo de discapacidade intelectual, ao tempo que permitiu embelecer e facer máis atractivo este céntrico espazo urbano.

As actuacións consistiron, principalmente, na renovación da cuberta floral e das plantas da superficie axardinada, así como no acondicionamento xeral do espazo. A xardinaría é un excelente método de terapia e rehabilitación para as persoas con algún tipo de discapacida-
de cognitiva, pois o coidado de plantas e xardíns axuda a mellorar a motricidade de maneira efectiva, a controlar a ansiedade ou serve como
ferramenta para mellorar
a autoestima dos usuarios.

Esta actuación enmárcase tamén no programa Vilas en Flor no que participa o Concello e que ten o obxectivo de potenciar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado das contornas.

O Centro Ocupacional do Saiar xestionado pola Consellería de Política Social garda unha enorme importancia para Caldas de Reis e para toda a comarca. Foi inaugurado en 1988 e presta atención aos usuarios en réxime de media pensión e transporte de maneira gratuíta para as familias. Os seus obxectivos son procurar a rehabilitación e a inserción social dos usuarios, cuestión para a que se desenvolven diversos tipos de obradoiros (carpintaría, xardinaría, encadernación ...).

Paralelamente a estas actuacións, o alumnado-traballador do obradoiro de emprego Os camiños do Camiño, tamén está desenvolvendo traballos de xardinería en diferentes espazos verdes do casco urbano, así como renovando a flor dos maceteiros situados en distintas rúas.

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, salientou o excelente resultado das tarefas levadas a cabo no xardín e agradeceu a implicación do centro ocupacional e o seu compromiso coa integración social e a formación das persoas con discapacidade. Ao mesmo tempo, destacou “o esforzo do goberno municipal por embelecer a vila apostando pola súa ornamentación e axardinamento”.

22 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.