Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os xogos populares para toda a familia reviven en Frades

O campamento de verán incrementou ata 60 o número de prazas ante a crecente demanda

Este verán os veciños e veciñas de Frades están a desfrutar dun completo programa de ocio, actividades que están especialmente dirixidas á cativada. Por unha banda, un total de 60 rapaces están a desfrutar dos campamentos, que este ano teñen unha cifra récord de participación (en 2019 foron 45 e no 2020 unha vintena pola gran redución de aforo). De feito, nun comezo eran 40 as prazas e tiveron que incrementarse ante a gran demanda. Unha participación que obrigou dende o primeiro momento a dividir aos nenos e nenas en grupos para seguir os protocolos de seguridade antiCOVID.

A cativada está a desfrutar de propostas moi variadas como xogos, obradoiros, contacontos, estadías na piscina ou actividades deportivas.

Por outra banda, os pequenos do municipio, acompañados de toda a familia, terán a oportunidade de descubrir este domingo, día 25, os xogos populares. Baixo o nome de Xogos populares do Paporrubio darase a coñecer un dos paxaros máis pequenos e rebuldeiros da nosa fauna. Os interesados en participar deben anotarse antes do venres (981 695567).

O cine está tamén moi presente este verán no concello fradense. O venres os cinéfilos teñen unha cita coa película de animación Frozen II, que se proxectará na praza pública de Ponte Carreira. É imprescindible apuntarse antes de mañá. Xa para o día 30, no mesmo sitio, está prevista a película Pinocho 3000 (hai que apuntarse antes do 29).

A xornada do 31 haberá dobre proposta: por unha banda, está programado o campionato de pesca infantil, que se desenvolverá na área recreativa da piscina municipal.Todos os participantes deberán acudir acompañados dunha persoa adulta e ir provistos de cana e cebo. Ao remate da xornada repartiranse agasallos e merenda.

Por outra, a partir das 16.00 horas, a piscina municipal de Papucín acollerá a celebración do Día do Neno. A cativada poderá desfrutar do tren turístico, xogos, inchables, guerra de globos de auga e dunha merenda. Asemade ás 18.00 terá lugar o espectáculo musical Rockeando con Ramona Órbita, de Pakolas.

Outra das actividades que máis desfrutarán os peqeunos é a visita ao Aquapark de Cerceda, programada para o o 6 de agosto. A saída do Concello está fixada para as 13.00 horas e a volta para as 20.00. Os nenos de ata catro anos poderán asistir de balde, o resto aboarán 5 euros (os empadroados) e 8 € para os que non. O día 6 de agosto volve o cine co filme de animación Sonic, que se proxectará na praza do centro de saúde de Abellá; e o 13 é o turno da película Donkey Xote.

Non faltarán tamén actividades deportivas para os adultos e os Xoves de Praia. Excepto as viaxes, as actividades son gratuítas. Colaboran o Concello e a Deputación da Coruña.

21 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.