Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
CONCILIACIÓN. A Xunta suma 62.000 euros ós 400.000 que investiu o Concello para rehabilitar o antigo colexio // Inicialmente proxectárase o traslado e a ampliación do Punto de Atención á Infancia, que usan vinte cativos, pero agora pecharase TEXTO S. S.

Outes abrirá en Cruceiro de Roo unha escola infantil de 30 prazas

Hai dous anos, o Concello de Outes decidiu ampliar a súa aposta pola conciliación redimensionando o Punto de Atención á Infancia (PAI), un servizo que se vén prestando nun baixo alugado na avenida San Campio e que conta con vinte prazas.

En 2020 o pleno aprobou modificar o seu funcionamento coa intención de ampliar os servizos que presta e trasladalo a un espazo municipal máis amplo: o antigo CEIP Emilio de Navasqües, de Cruceiro de Roo. Ata entón, o PAI abría 35 horas á semana, pero cada neno só podía estar 16 horas á semana como máximo. Púxose en marcha entón, con cargo ó POS da Deputación da Coruña e con fondos propios, a rehabilitación do colexio na que se investiron 400.000 €. “Pero, polo camiño, decidimos cambiar o plan e converter o PAI en escola infantil”, sinala o alcalde, Manuel González.

Así se fixo, e agora, o proxecto pasa por pechar o PAI e abrir a nova escola infantil este mesmo mes na planta baixa do antigo colexio.

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou este mércores, acompañada do rexedor, as instalacións que ocupará a nova escola infantil, e anunciou que a Xunta concedeu unha axuda de 62.000 euros ao Concello para cofinanciar esa actuación.

A representante autonómica dixo que contará con trinta prazas (dez máis das que ten actualmente o PAI) e que a atención educativa será gratuíta para todos os pais e nais grazas ao financiamento do Goberno galego a todos os centros da Comunidade.

Esta axuda procede da orde para a creación de prazas de titularidade municipal que beneficia a unha vintena de concellos e permitirá crear máis de 450 novas prazas de atención a nenos e nenas de cero a tres anos.

Fabiola García sinalou que Galicia se converteu nunha referencia a nivel nacional na conciliación das familias grazas a medidas como a gratuidade de todas as escolas infantís; a creación de noventa e cinco casas niño para levar a conciliación a concellos onde non existían estes servizos; e mediante o Bono Coidado, que ofrece axudas para contratar un apoio extraordinario de conciliación.

O rexedor outense dixo que foron dous os motivos que levaron ó executivo local a tomar a decisión de converter o PAI nunha escola infantil. “Por unha banda, a gratuidade do servizo decretada pola Xunta de Galicia e, por outra, o pequeno repunte da natalidade rexistrado no concello de Outes ó longo dos últimos anos”, comentou ao respecto o alcalde.

Neste sentido, cómpre sinalar que o ano pasado varias familias quedaron sen prazas para os seus fillos e fillas no PAI outense, o que, xunto coa gratuidade acordada pola Xunta, provocou que a demanda deste servizo se vira incrementada, razón pola cal se facía necesario ampliar a oferta de prazas.

En canto ás instalacións do Punto de Atención á Infancia, o Concello prevé pechalas este mesmo mes, cado se faga efectiva a apertura da escola infantil. “Estamos á espera da concesión do permiso da Inspección da Consellería de Educación e do remate dos últimos detalles pendentes, entre eles, a instalación dun peche no patio”, dixo. Cando as novas instalacións estén operativas, o Concello pechará o PAI, polo que está pagando un alugueiro mensual de case seiscentos euros.

delegnoia@elcorreogallego.es

o protagonista
“Proxectamos tamén crear un fogar residencial”
Manuel González
Alcalde de Outes

O alcalde de Outes, Manuel González, dixo que a escola infantil se ubicará na planta baixa do rehabilitado colexio de Cruceiro de Roo e que “como aínda así non se cubre a demanda actual, temos previsto ampliar as prazas de 30 a 42 o vindeiro curso, habilitando outra aula”.

Asimesmo, o mandatario local explicou que a administración local ten tamén “un proxecto para habilitar na planta superior do antigo CEIP Emilio de Navasqües un pequeno fogar residencial para oito persoas maiores”. O vello colexio construíuse nos anos 80 a carón dun máis antigo, de certo valor arquitectónico, que financiaron nos anos 50 emigrantes outenses en Arxentina.

Manuel González destacou a importancia de que Outes conte cunha escola infantil en aras de fomentar a conciliación familiar e laboral dos veciños.

{ a letra pequena }
Alianzas institucionais
Suso Souto

PROXECTOS E ESTRATEXIAS: son dúas verbas que deben ir xuntas no eido da administración pública cando se trata de poñer en marcha novas infraestruturas ou servizos que requiren unha visión que vaia máis alá do ámbito local. Fomentar o emprego pasa, no caso das familias con fillos, por apoiar con firmeza a conciliación. E, á súa vez, isto implica activar instalacións e servizos como as escolas infantís. Outes leva anos planificando a súa aposta nese eido, e agora vai materializar o ansiado proxecto de dar o salto dun Punto de Atención á Infancia a unha escola infantil, grazas á implicación da Xunta, a Deputación e o Concello. O feito de que o Punto de Atención á Infancia de Outes tivese lista de agarda xa era motivo suficiente para dar o salto.

11 ene 2023 / 16:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.