Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Outes promove o uso do galego cuns certames

O Concello de Outes reedita un ano máis a programación denominada O noso Nadal, ca que se pretende promover o uso da lingua galega, a creatividade e a decoración das vivendas e comercios no tempo de Nadal. Para lograr tal fin, haberá dous concursos.

Por unha banda está o certame de postais, que busca estimular a creatividade, a inventiva e o uso da lingua galega entre os máis cativos do municipio, pero tamén entre as persoas adultas, pois hai diferentes categorías que abranguen a toda a poboación. Os premios consistirán en varios lotes de libros en galego e 300 euros que se poderán gastar no comercio outense. “Esta é unha actividade que, ademais de promover o uso do galego, entre a poboación en xeral e entre a mocidade e a infancia, en particular, pretende involucrar aos pais, nais, avós e avoas para que sexa unha actividade interxeracional”, informou o técnico de Normalización Lingüística, Luís Pérez.

O segundo dos concursos será o de decoración de Nadal, que promove que tanto veciñanza en xeral como negocios decoren escaparates, xanelas e fachadas. O xurado valorará a creatividade, a orixinalidade, combinación de cores, composición e iluminación, así como o uso da lingua galega. Haberá un primeiro premio de 200 euros e un segundo valorado en 100 euros.

As persoas interesadas poden participar inscribíndose no concurso de postais na casa da cultura, e no de decoración, no consistorio ata o día 20. Toda a información está dispoñible na web municipal.

Por outra banda, lembrar que este sábado dará comezo a primeira edición do concurso En Outes de tapas, no que participan oito bares e restaurantes do municipio. Trátase dun evento co que se quere poñer en valor o bo facer do sector da restauración, así como os produtos gastronómicos locais. Os petiscos –deseñados para a ocasión– pódense degustar no Restaurante Asador Albatros, o Restaurante Pepe do Coxo, O Taboleiro, Casa Amanda, John Turkey, A Nosa Taberna, Casa Roque e Fera ata o vindeiro 11 de decembro.

02 dic 2022 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.