Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
PATRIMONIO. As máquinas e ferramentas que usaron unha saga de carpinteiros de ribeira comparten agora espazo coas novas tecnoloxías // Na localidade chegou a haber 36, e hoxe só quedan 15 en toda Galicia // Inaugúrase o sábado TEXTO Suso Souto

Outes reabre musealizado e tras 40 anos na ruína o estaleiro de Ciprián

A construción de barcos de madeira foi no século pasado unha actividade moi importante. E houbo un lugar en concreto que foi toda unha potencia industrial nese eido. Outes e San Xoán de Sabardes (O Freixo) foron o concello e parroquia con máis carpinterías e talleres de construción de embarcacións de madeira en Galicia: chegou a haber alí 36. Ata 1940 sobrevivirá con grande forza esta actividade que logo irá en declive.

Na actualidade esta industria foi sendo relevada cara a outras empresas que incorporan novos materiais e en Galicia só quedan en activo 15 estaleiros deste tipo. Catro están en Outes, desenvolvendo un labor de carpintería de ribeira de tipo tradicional e familiar ou convertidos en talleres de reparación de buques que, en conxunto, dan traballo a unhas cen persoas.

En concreto, no núcleo outense de Broña conviviron nove estaleiros: os de Nimo, Amado, Andrés de Ciprián, Becerra, Ciprián, Patelo, Cacharulo, O Barqueiro e Ríos, dos cales só quedan restos. Pero houbo un que, pese a cesar a súa actividade hai máis de corenta anos, seguiu en pé como o buque insignia dun oficio que se resiste a desaparecer: o de Ciprián Domínguez, que o vindeiro sábado día 4 volverá abrir as súas portas, pero agora musealizado.

O Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira Estaleiro do Ciprián é o resultado dun ambicioso proxecto de rehabilitación integral do vello estaleiro para reconvertelo en museo sen perder a esencia industrial da súa actividade económica principal: a construción de barcos. A nova instalación mellora ademais a contorna litoral e paisaxística no seu conxunto e dota ao concello de Outes dun novo espazo cultural e patrimonial de primeira orde.

Ademais da rehabilitación (incluíndo as ramplas e urbanización da contorna) e musealización do estaleiro, fixéronse novos espazos de traballo e promoción: unha caseta de información turística, aseos e un almacén. O proxecto foi subvencionado con 300.000 euros polo GALP Costa Sostible e con 250.000 euros polo Concello de Outes.

O estaleiro de Ciprián está no lugar de Tavilo (na parroquia de San Cosme de Outeiro). O seu fundador e construtor foi o carpinteiro de ribeira Ciprián Domínguez Montes que, ao regresar da guerra en 1942, continuou co oficio familiar (o mesmo que tiveran seu pai e seu avó). Esta saga de carpinteiros de ribeira dedicouse á construción e reparación de embarcacións de madeira da zona de Broña dende finais do século dezanove ata finais do século vinte. O negocio estivo en activo ata 1980, pero a excelente construción da edificación permitiu que se conservase en perfecto estado.

Os arquitectos que deseñaron a rehabilitación foron Iago Fernández e Óscar Fuertes. Reutilizáronse pezas orixinais, como as cerchas da cuberta ou as táboas do cerramento do taller. Recuperouse a área exterior cuberta, de madeira, onde se construían as embarcacións, e o taller-aserradeiro, un espazo pechado onde se cortaba e labraba a madeira e se creaban as maquetas das embarcacións.

A sala 1 é para a recepción dos visitantes, e nela infórmase da esencia da carpintería de ribeira; a 2, polivalente, plantéxase como unha experiencia sensorial; a 3 alberga unha mostra permanente sobre as técnicas e as ferramentas do oficio (pode verse a serra orixinal); na 4 exhíbese o motor mariño da casa Ayón (de Noia); e a 5, aberta á ensenada, actúa como un atrio, a modo de zona de entrada e saída.

O museo estará aberto ó público as fins de semana (os horarios están aínda sen definir) e pola semana, pero con reserva previa para grupos.

31 ene 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.