Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Vedra é o seguinte municipio da comarca que máis presenza ten no catálogo da Xunta // Actualmente hai 145 árbores e 39 formacións, contando a de Zas, que se vén de conceder // Considéranse protexidas a todos os efectos TEXTO Alba Prada

Padrón atesoura a maioría dos exemplares senlleiros de Área

O Catálogo Galego de Árbores Senlleiras non deixa de crecer. Hai uns días a Carballeira de Baio, en Zas, pasaba a formar partes deste “selecto” grupo, un recoñecemento co que se puña fin ao trámite iniciado o pasado mes de marzo polo Concello cando se entregou unha detallada relación das especies dominantes, e diverso material que acredita o valor cultural e histórico do lugar. Precisamente a dendrometría e os aspectos culturais e históricos foron os principais motivos polos que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda catalogou a Carballeira de Baio como unha formación senlleira. Convértese deste modo no primeiro espazo da Costa da Morte que entra na listaxe.

De momento, a recente incorporación aínda non aparece reflectida na lista da Xunta, polo que non se tivo en conta no cómputo total de árbores e formacións catalogadas. Concretamente hoxe hai 183 exemplares, que se reparten en 145 árbores e 38 formacións arbóreas. A elas hai que engadir a de Costa da Morte, polo que máis exactamente son 184 exemplares e 39 formacións. As máis abundantes son os carballos e os castiñeiros.

Os municipios da área compostelá poden presumir de aparecer en abundancia na lista. Padrón é o que máis árbores posúe con este título. Así, segundo a relación que recolle a Xunta; a vila ten catalogado o Castiñeiro de Indias (Xardín Artístico), a Coroa de Cristo (Xardín Histórico), a Figueira da Casa-Museo de Rosalía, as Oliveiras do Cemiterio de Adina, a Palmeira Datileira do Mosteiro de Herbón, o Carballo Fastixiado (Xardín Histórico) e as Secuoias Vermellas ( Xardín Histórico).

Vedra é outro dos concellos que máis se repite. Presume, como non, da súa Camelia pero tamén dos seguintes exemplares: Criptomeria, Tulipeiros de Virxinia, Ombú, Carballo Fastixiado, Whashingtonianas Robustas e da Dicksonia. Todas eles están no Pazo de Santa Cruz.

Outros municipios da área santiguesa con árbores senlleiras son Caldas de Reis que ten Auracaria do Brasil (parque de Caldas) e Cunninghamia (parque-xardín de Caldas). A Estrada reúne na listaxe a Camelia Reticulada (Pazo de Oco), a Criptomeria Elegante (Pazo de Oca), a Sobreira (Pazo de Valiñas) e o Abeto Branco de Carballal. Pola súa parte, Ames ten a Camelia ‘Pantalóns’ no Pazo de Lens. O Pino conta co Acivro do Pazo de Casanova e Douglasia Verde, tamén do Pazo de Casanova. Carballo presume do Carballo de Pazo de Vilardefrancos e Boqueixón da Magnolia de Oural e a Magnolia Grandiflora, ambas da Casa da Picota. Lalín ten catalogados como senlleiros os carballos de Vilatuxe, Soutolongo, e o de Bermés; e Silleda, a Sobreira de Siador.

Con respecto ás formacións árboreas a área compostelá recolle tamén varias. Arzúa ten Buxal da Casa da Botana; Vedra Buxal e Retículas de Oliveiras (ambas do Pazo de Santa Cruz). A Estrada, Buxal do Pazo de Oca; Lalín a Fraga de Catasós. Padrón alberga os Plátanos de Sombra do Paseo do Espolón e a Palmeira do Senegal do Xardín Artístico. Caldas, a carballeira de Caldas e A Estrada a Carballeira dos Tileiros do Pazo de Oca. Noia, ten na lista Carreira de Araucarias. A isto hai que engadir que agora, Zas, aparece no catálogo coa Carballeira de Baio.

Como pode deducirse, Padrón gaña en número de especies merecedoras da catalogación, seguido de Vedra, cuxo Pazo de Santa Cruz, alberga un bo número de exemplares digno do título de senlleiros e, polo tanto, da debida protección.

Anotacións
Criterios á hora de avaliar

··· Todas estas árbores e formacións que aparecen nomeadas no texto principal son consideradas reliquias botánicas obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. Estes exemplares singulares representan un valioso legado.

··· Algúns dos criterios utilizados á hora de avaliar o carácter monumental dos exemplares propostos, así como os descritores ou indicadores asociados a eles, son dendrométricos, biolóxicos e ecolóxicos, estéticos, históricos e tradicionais, e de situación.

··· Poden solicitar a catalogación todas aquelas persoas propietarias das árbores ou formacións, outras administracións públicas, centros de investigación ou asociacións de entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

··· As árbores e formacións senlleiras que se inclúan no catálogo considéranse protexidas para todos os efectos.

13 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.