Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Paralizan as autorizacións do parque eólico de Coristanco e Santa Comba

A suspensión é cautelar e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia di que non se xustifica a súa imperiosa necesidade // Prima a protección do medio natural

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou suspender cautelarmente o acordo do Consello da Xunta de Galicia, de 18 de novembro de 2021, polo que se outorgaron as autorizacións administrativas, previa e de construción, e se declarou de utilidade pública o proxecto do parque eólico Campelo, en montes dos municipios de Coristanco e Santa Comba.

A resolución xudicial atende así a petición de Adega e a Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica e frea, ata que “se decida o fondo do debate”, o proxecto promovido por Greenalia.

No auto do 19 de setembro, a Sala do Contencioso Administrativo do TSXG destaca que non se pode ignorar que os defectos de publicación e audiencia que alegan os recorrentes xa teñen dado lugar á estimación de dous recursos nos que se alegaba tal deficiencia, referíndose, según subliñan dende Adega, a sendas sentenzas de 21 de xaneiro de 2022 que declararon a nulidade das autorizacións relativas ao proxecto do parque eólico de Corme G-3.

Asemade, o Tribunal inicide en que as partes demandadas (Greenalia e Xunta de Galicia) non conseguen avalar a “imperiosa necesidade” de contar co novo parque, nen sequera pola incidencia que vén producindo a menor entrada de gas a causa da guerra en Ucraína. Por iso, determina que, en orde a valorar os intereses en conflito, se inclina por “favorecer a protección do medio ambiente” e, por tanto, ordear a suspensión cautelar.

O TSXG condiciona a efectividade desta medida de suspensión dos acordos autorizados a que as partes demandantes constitúan unha garantía de 10.000 euros.

Tanto Adega como a referida plataforma tamén recorreron en vía contencioso-administrativa, con cargo ao Fondo para a Defensa Xurídica da Cordillera Cantábrica, os proxectos dos parques eólicos de Bustelo e Monte Toural, igualmente promovidos por Greenalia Wind Power.

As súas impugnacións susténtanse, no caso dos tres parques, “na fragmentación artificial dos proxectos e nas irregularidades en canto ao desenvolvemento dos trámites de información pública, reducidos a quince días e nos que non se puxeron a dispor da cidadanía os informes sectoriais correspondentes”.

Os recorrentes consideran que este auto “constitúe o primeiro éxito xurídico do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordillera Cantábrica fronte ao actual modelo caótico e desordenado de desenvolvemento eólico, e un precedente moi favorable de cara a consecución da paralización cautelar doutros proxectos”.

EMPRESA. Pola súa banda, dende a empresa Greenalia aseguran que, tras recibir a notificación do auto emitido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, están “analizando en detalle” a resolución “para decidir os pasos a dar ante o establecemento das medidas cautelares, dado que non é firme e cabe recurso”.

Ademais queren reiterar que “desde a compañía cumpríronse escrupulosamente todos os trámites establecidos na normativa vixente”.

SALVEMOS CABANA. Pola súa banda, o colectivo Salvemos Cabana pide que non se autorice a nivel ambiental o parque eólico Monte Agrelo e Muriño (entre Cabana e Zas) polo seu impacto negativo sobre especies protexidas de aves e morcegos.

Din que a zona no que pretende instalarse conta coa presenza do aguilucho cenizo (Circus pygargus), especie catalogada como “vulnerable”, e acolle a subespecie lusitanica do escribano palustre, en perigo de extinción.

05 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.