Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Patrimonio. David Roget, un mozo de Vimianzo, descubriu doce estacións de petróglifos na capital de Soneira no 2019 // Unha lesión apartouno do fútbol e levouno a percorrer os montes coa súa bicicleta // Seguía as pegadas de lobos, topouse con mámoas e acabou sacando á luz a arte rupestre TEXTO J. M. Ramos

Paseos que levan ata a Prehistoria

Unha inoportuna lesión nos xeonllos fixo que David Roget, un mozo de Vimianzo, se vise obrigado a cambiar o seu rumbo no eido deportivo, deixando de lado o fútbol e o tenis de mesa para coller a bicicleta, tal e como lle recomendou o seu traumatólogo. O que non podía imaxinar é que ese novo camiño o ía levar ata a Prehistoria, literalmente. Daquela tiña só 17 anos –agora 19–, e dende pequeno foi sempre un rapaz moi curioso, polo que non só se adicou a dar pedais senón que, de paso que percorría os montes coa bicicleta, ía poñendo o ollo en todo o que lle chamaba a atención.

Descubriu pegadas de lobos e outros animais que habitan nos montes de Sanfíns e Cambeda e aficionouse á zooloxía. Seguindo esas pegadas, atopou moitas mámoas, “a maioría delas están catalogadas pero non se deron a coñecer ao público”, afirma, e foi aí cando decidiu profundizar no megalitismo. Púxose a estudar esta época histórica, a ler libros, a consultar Internet e, pouco a pouco, foi derivando o seu interese cara os petróglifos. Mercou libros máis especializados, visitou o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro e cando xa tiña certos coñecementos decidiu centrarse máis en Vimianzo. Preguntábase “por que habendo tantas mámoas e castros no Concello, tan só se coñecían dúas ou tres mostras de arte rupestre en Boallo e Berdoias?”.

Estudou a fondo os montes vimianceses, o relevo, os tipos de rochas e pouco a pouco foi delimitanto posibles emprazamentos nos que el entendía que podería haber mostras deste arte. Pronto comprobou que as súas predicións eran acertadas e o 1 de xullo de 2019 deu cunha gran estación de petróglifos. “Descubrir que tiña este conxunto artístico aquí ao lado foi unha satisfación enorme”, afirma David.

Seguiu buscando, e logrou localizar ata doce estacións de petróglifos que “son excepcionais polo seu bo estado de conservación, sobre todo as máis relevantes”. Son gravados que se enmarcan no arte esquemático atlántico, nos que predominan as coviñas e os círculos concéntricos. Os achádegos están concentrados na ladeira de Tedín ata a Cruz do Loureiro, pero tamén descubreu petróglifos moi preto do castelo da capital de Soneira.

Ao respecto da ubicación, David considera que non é casual, “senón que todo apunta a que escolleron esas rochas polo seu emprazamento e é posible que tivesen para eles un significado máxico, pois se fose pola calidade das mesmas para gravar, escollerían outras”. Considera ademais que non se trata de representacións independentes, senón que as distintas estacións están relacionadas “pois presentan certos paralelismos entre os seus gravados”.

Un achádego que non foi unha tarefa fácil, pois “agora están todos limpos e vense perfectamente, pero cando os atopei era todo unha toxeira impresionante”, sinala. Da casa sempre saía subido á bicicleta pero, “moitas veces acababa levándoa ao lombo, xa que me tiña que saír dos camiños e patear o monte”, engade.

Desde que descubriu os primeiros petróglifos, David Roget contou co apoio e a colaboración do Colectivo A Rula e tamén contactou con algúns profesores universitarios. Hoxe todas as estacións están rexistradas ante Patrimonio para que poidan ser protexidas e postas en valor.

David amósase moi satisfeito con estes achádegos, porque “agora Vimianzo ten aínda máis patrominio, e isto vai atraer máis xente e pódelle dar vida ao comercio e a todo o pobo, e axudará a que o noso concello resalte máis no mapa de Galicia”.

Agradece o esforzo feito polo Concello de Vimianzo, que levou a cabo a limpeza dos camiños para facilitar a accesibilidade ás obras de arte rupestre e sinalizou dúas novas rutas de sendeirismo pola contorna das mesmas. Por iso convida “a todo o mundo a que veña á capital de Soneira, porque non van ter un minuto de descanso pola cantidade de lugares e elementos de interese que se poden visitar”,

David agora estuda o grado de Enxeñería Aeroespacial no campus de Ourense e quen saben con qué nos sorprenderá nos vindeiros anos. O que sí garantiza é que non deixará de seguir afondando nos estudos de historia, porque esta ciencia segue sendo unha das súas paixóns.

29 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.