Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Costa da Morte. A Xunta dedicará 3,5 millóns de euros para as obras en 2023 // Á variante de Carballo destinaranse 500.000 €// A Laracha, Corcubión e Cee recibirán máis de cinco millóns para mellorar redes de saneamento TEXTO J. M. Ramos

Paso adiante para alongar a vía de altas prestacións desde Baio ata Vimianzo

A Xunta adicará máis de 16 millóns de euros para os principais investimentos na área de Bergantiños e Costa da Morte en 2023. Desa contía, 3,5 millóns irán destinados á prolongación da Vía de Altas Prestacións (VAP) Baio - Berdoias, concretamente para o primeiro tramo, que prolongará a actual vía desde Santa Irene ata Vimianzo, para enlazar coa estrada de Camariñas.

Así o confirmou o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, durante a súa visita á capital de Bergantiños. Sinalou ademais que nos orzamentos do vindeiro ano contémplanse outros 500.000 € para a avanzar na variante de Carballo.

Subliñou igualmente a colaboración da Xunta cos concellos para mellorar os servizos de saneamento, para o cal se prevén importantes investimentos nos municipios da Laracha, Cee e Corcubión, por valor de máis de 5,5 millóns de euros.

Pola súa banda, o Hospital Virxe da Xunqueira, de Cee, absorberá varias partidas por importe de case un millón de euros para a reforma de área de urxencias e a renovación do seu equipamento. Tamén se contempla nas partidas autonómicas de 2023 outro investimento de máis de 2,5 millóns de euros para a posta en marcha de dúas plantas de transferencia de residuos por parte de Sogama en Cee e Ponteceso, as cales pasarán a formar parte dunha rede planificada pola Xunta con criterios de eficiencia, sustentabilidade e eficacia, formada por 17 instalacións grazas ás que máis de 2,1 millóns de habitantes disporán dunha planta de compostaxe ou ben de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.

BONO CULTURAL. Durante a súa visita a Carballo, Gonzalo Trenor achegouse á libraría Brañas Verdes para animar aos profesionais do sector cultural a adherirse á campaña do Bono Cultura da Xunta que os clientes poderán empezar a disfrutar a partir do 2 de novembro e ata o 31 de decembro.

O programa contempla descontos do 50 % na compra de produtos ou na utilización de servizos culturais, para o que se emitirán 20.000 bonos. O Bono Cultura botou a andar o pasado 15 de outubro coa apertura do período de adhesión das empresas. As interesadas dispoñen dun mes para inscribirse. A adhesión activarase a través da web www.bonocultura.gal. Poderán formar parte as persoas físicas ou xurídicas que teñan como obxecto da súa actividade o de venda ao consumidor de produtos e bens culturais en Galicia, os centros ou locais públicos ou privados destinados á exhibición de produción cultural como salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións..., así como museos, casas-museo ou asimilados tanto de titularidade pública como privada e asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural, tanto públicas como privadas, que ofrezan produtos culturais.

GASTO. Deberán estar dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do imposto sobre actividades económicas (IAE) recollidos na orde da convocatoria que se publicou o venres no DOG. Como novidade, este ano amplíase o número de epígrafes e tamén o teito de gasto de cada establecemento ao abeiro desta campaña, ata os 30.000 euros.

A partir do 2 de novembro, os usuarios poderán solicitar os bonos e comezar a gozar dos descontos ata o 31 de decembro. Poderá facerse co bono calquera persoa maior de idade que teña a súa residencia en Galicia e a descarga estará activa a partir desa data a través da web www.bonocultura.gal, onde se emitirá en formato dixital a través dun código QR.

O orzamento total do Bono Cultura 2022 é de 1M € coa intención de mobilizar 2M € e que se beneficien 20.000 persoas. Os bonos terán un valor de 50 € por usuario para gastar nos distintos establecementos que se adhiran. As compras terán un desconto do 50 % ata esgotar o crédito. Os produtos e servizos que se poderán adquirir non varían con respecto á edición anterior: a compra de música gravada en CD ou vinilo, películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos e calquera tipo de institución cultural (museo, casa-museo...), salas de cine, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras.

O protagonista
“O Bono Cultura axudará
ó sector”
Gonzalo Trenor
Delegado da Xunta na provincia da Coruña

Gonzalo Trenor sinalou en Carballo que a nova edición do Bono Cultura amplía os seus obxectivos buscando, por un lado, incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo, así como favorecer o fortalecemento do sector axudándoo a reducir o impacto económico marcado polo actual contexto económico de suba de prezos.

Apuntou que “se na primeira edición o obxectivo foi volver reactivar o consumo nos comercios de proximidade tras a pandemia, agora cómpre botar unha man ao sector e aos consumidores nesta nova crise de suba de prezos”. Recalcou ademais que é unha medida “para todos os galegos, teñan a idade que teñan, fronte ao que fan outras administracións que lanzan medidas dirixidas a colectivos moi específicos”.

Os usuarios e usuarias poderán solicitar os bonos a partir do vindeiro día 2 de novembro.

{ PASABA POR AQUÍ }
Unha de cal e outra de area
Manuel Lavandeira

O avance das grandes cifras de investimento para o vindeiro ano na Costa da Morte abrirá, como é habitual, un novo debate entre quenes aplaudirán as contas e os que as criticarán airadamente. No que respecta ás dúas infraestruturas viarias máis demandadas dende hai anos, o orzamento, a tenor das propias cifras, déixanos unha de cal e outra de area. Por fin parece que o proxecto de prolongación da Vía de Altas Prestacións (que dá continuidade á autovía Carballo-Baio), dará o salto do papel á obra para estender o aglomerado dende Santa Irene a Vimianzo, pero non será así no caso da circunvalación de Carballo, que deberá seguir agardando, alomenos, un ano máis, pois o medio millón asinado non chega para o asfalto.

21 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.