Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O homenaxeado emocionou a todos os presentes no acto do seu nomeamento cun discurso poético cargado de agradecemento e morriña // O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o seu papel como referente xornalístico TEXTO C. Estévez / A.R.

Pepe Domingo Castaño volve a Dodro como Fillo Predilecto

O Concello de Dodro nomeou este luns ao xornalista nado en Lestrove Pepe Domingo Castaño, Fillo Predilecto do municipio. O acto tivo lugar no patio central do Pazo de Lestrobe, sobre as 14.00 horas, despois das celebracións habituais do luns dos afrixidos, a misa solemne, a procesión e a poxa dos ramos.

Ao acto asistiu o titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, quen destacou o papel de Pepe Domingo Castaño como referente xornalístico e como un dos grandes embaixadores de Galicia. O presidente da Xunta subliñou ademais a súa contribución no espallamento do bo nome de Galicia e salientou a súa figura como modelo de emigrante que triunfou fóra da súa terra. Na mesma liña, agradeceulle o orgullo co que sempre defendeu as súas orixes en Dodro e a súa infancia en Padrón. “Pepe Domingo Castaño é un galego que exerce e que fala ben sempre de nós”, afirmou Rueda ao respecto.

Durante a súa intervención, Alfonso Rueda salientou a carreira xornalística do homenaxeado, de quen dixo que “foino todo na radio” conseguindo crear, ademais, da publicidade “unha arte”, e a súa faciana como escritor. Así, o presidente explicou que nas súas memorias, Hasta que se me acaben las palabras, foi capaz de definir nunha soa frase os sentimentos dos galegos e galegas que non esquecen as súas raíces: “deixar o pobo dun é como unha liña vermella que marca un bisturí na carne da alma”, escribiu.

Para finalizar, o presidente da Xunta valorou que Pepe Domingo Castaño recorde sempre con orgullo as súas orixes na comarca do Sar. “Sempre vas ser ben recibido no teu pobo e en Galicia”, sentenciou.

O homenaxeado emocionou a todos os presentes no acto de nomeamento cun fermoso discurso poético, que comezaba dicindo: “Pola banda de Lestrove/ onde chove miudiño,/ onde miudiño chove, / O fume dos foguetes é o fume da festa, / Hai gaiteiros que poñen a morriña no peito/ Polas rúas do vran xa están brincando os nenos/ Hai fervor de Aflixidos cando Agosto se deita”.

Foron uns versos nos que o xornalista lembrou aos seus familiares e demostrou o cariño pola súa terra e o feliz que lle fai ser nomeado Fillo Predilecto dela.

O deste luns foi un dos actos máis especiais que se desenvolveron no marco das grandes festas dos Aflixidos de Lestrove. O alcalde, Xavier Castro, deixaba claro no seu saúdo a orixe do xornalista: “se ben os máis novos pensaban que era un padronés moi coñecido, temos que dicir que Pepe Domingo Castaño naceu aquí, na nosa aldea de Lestrove, e polo tanto é de Dodro coma nós, cousa que el moi ben recoñece no seu libro biográfico”, afirmou.

E de feito así é, pero el indicou a este xornal que tamén ten un forte apego por Padrón, pois alí radican os seus recordos da infancia. De feito, confirmou que Pepe Domingo é tan padronés como lestrovense. Cre que súa nai Rosa, de Lestrove, estaría moi orgullosa deste nomeamento: “imagínate que a un hijo mío, con el paso del tiempo le nombran Hijo Predilecto de, no sé, Madrid, porque nació allí, o de A Coruña... Pues yo creo que sentiría el orgullo de una madre que vivió aquí y que dio a luz aquí a mi hermano Antonio, que en paz descanse, y a mí. Los dos primeros nacieron en Lestrove”, dixo.

O PROTAGONISTA
“El lugar donde vine al mundo”

“Venir aquí es un poco recuperar recuerdos, pasado, aunque yo realmente de mi vida en Lestrove no puedo acordarme demasiado porque mis recuerdos de infancia empiezan en Padrón, ya que a los pocos días de nacer me llevaron allí”, relatou Pepe Domingo Castaño.

“Pero aquí es donde nací; de cuando en cuando yo venía a visitar la casa donde había nacido, cuando era la misma casa, porque ahora han construido una nueva. Pero ese sigue siendo el lugar donde vine al mundo hace un montón de años”, conta o homenaxeado.

E é que na súa biografía, que leva por título Hasta que se me acaben las palabras, conta como veu ao mundo un 8 de outubro de 1942 en Lestrove “un pueblo pequeño y humilde que vivía acurrucado en la hermosa vega de Padrón”, escribe no libro o xornalista. Unhas orixes, como di, humildes, das que sempre se amosou orgulloso, e é por iso que recibiu esta homenaxe en Dodro con gran satisfacción.

{ A OLLADA }
Recordos da infancia
Claudina Estévez

Ten que ser do máis emotivo que o teu lugar de orixe che faga tal recoñecemento. Emotivo porque é alí onde radican todos os teus recordos da infancia, as primeiras vivencias que ao final sempre lembras cun sorriso. A inocencia dunha etapa na que sempre descubrías algo novo, na que a creatividade e a imaxinación eran moi intensas e na que apenas había lugar para penas. Así que podo imaxinar que si, que Pepe Domingo Castaño viviu este luns un momento do máis especial e que se vai de Dodro feliz de sentir o cariño dos seus. E, dende logo, aínda máis satisfeito, se cabe, das súas orixes humildes e da súa terra galega. Visita Dodro como Fillo Predilecto, un nomeamento que premia o seu labor xornalístico e o seu compromiso con Galicia.

30 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.