Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Personaxes históricos de Noia guiarán as visitas ao Museo do Mar

Ultiman xa o equipamiento do complexo, que terá un espazo multimedia con testemuñas de veciños de varias profesións

O día 21 de agosto de 2020 abría por primeira vez as súas portas na rúa do Malecón de Cadarso o novo edificio que alberga o Museo do Mar de Noia. Un complexo de baixo e tres plantas, duns 600 metros cadrados, que custou 600.000 euros. E facíao cunha mostra temporal e cunha intervención artística ca que Ramón Trigo pintou un mural en directo. Pero o museo, como tal, está pendente aínda de inauguración oficial.

Unha apertura que está xa moi cerca e que terá lugar nos vindeiros meses, cando rematen os traballos de equipamento e musealización para os que o Concello recibiu unha subvención de 183.515 euros ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDPL), aprobadas para os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro.

Trátase do proxecto Noia, a voz do mar, e consiste na creación dun espazo interpretativo multimedia e interactivo que amosa o mar como o eixo da identidade urbana e cultural de Noia dende a súa fundación ata a actualidade. A través dos relatos ficcionais de personaxes históricos da localidade e tamén de testemuñas reais de veciños e veciñas de varias profesións e oficios, introducirase ós visitantes neste relato nun percorrido no que poderán ver obxectos que amosan os vínculos do mar coa vila.

Entrecruzando o pasado e o presente, os visitantes poderán atopar conexións entre as historias marítimas de hai séculos e os traballos e vidas das xentes actuais (o comercio, a navegación, a pesca, os naufraxios, a gastronomía...).

OS RESTOS DA MURALLA. O mar permitirá comprender a configuración da muralla e da infraestrutura portuaria excavada (planta baixa), coñecer as orixes e evolución de Noia como encrucillada de camiños e Portus Apostoli ao logo dos séculos (primeira planta) e observar o seu impacto no medio, na cultura, na economía e na sociedade (segunda planta).

O proxecto inclúe réplicas documentais, gravacións en audio e vídeo producidas especificamente para esta experiencia multimedia e diferentes pezas interactivas que se executarán no hardware adquirido, tamén deseñadas de maneira específica.

A visita guiada durará 35 ou 40 minutos e poderá facerse en galego, castelán e inglés.

08 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.