Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Innovación. Estudantes do instituto Eduardo Pondal deseñaron o PonteSat, un dos nove satélites que se lanzaron o pasado 2 de xuño dende o aeródromo de Rozas // Ten como misión realizar medidas de presión e avaliar o cambio climático // O proxecto enmárcase dentro do programa Cansat TEXTO Lorena Rey

Plan espacial no IES de Ponteceso

Tras a participación o ano pasado no proxecto Cansat acadando o segundo posto da fase rexional, o alumnado do IES Eduardo Pondal, de Ponteceso decidiu retomar o traballo para melloralo e intentar obter uns mellores resultados. Trátase dun proxecto que parte da Axencia Espacial Europa (ESA) e de ESER Spain (European Space Education Resource Office), e que conta co apoio da Xunta. “Cansat é unha simulación dun satélite que se lanza ao espazo e que neste caso ten o tamaño dunha lata de refresco”, explica Covadonga Gash Carcedo, unha das docentes e coordinadora do PonteSat. Para a competición galega o lanzamento foi de 400 metros de altura e utilizaron un dron. No caso da nacional irá a 1.000 metros e lanzarase cun cohete.

“A funcionalidade do satélite é que faga medicións. Nas bases da competición mandan que sexan medidas de presión, temperatura e humidade. Logo cada equipo fai unha misión secundaria científica ao seu gusto”, comenta Covadonga. Este ano nesa segunda parte, o que fixeron foi intentar avaliar o cambio climático medindo a cantidade de CO2 da atmósfera e os raios ultravioletas.

O desafío recae en seis alumnos/as que este ano cursaron primeiro ou segundo de bacharelato. “Os profesores que organizamos o proxecto decidimos que coa situación sanitaria non queriamos amplialo máis tendo en conta ademais que a organización do instituto era máis complexa nos recreos e isto é algo extracurricular”, detalla.

A misión organízase en diferentes pasos como son a elección de obxectivos, deseño do Cansat, integración e programación dos compoñentes eléctricos, comprobación do funcionamento do sistema, preparación do lanzamento, análise dos datos obtidos...“É importante organizar os tempos. Cada un dos alumnos está especializado nunha parte e así o traballo está repartido”, di.

Ao tratarse dun proxecto extracurricular tiveron que aproveitaros recreos e traballar en horas fóra de clase. A maiores fixeron reunións por videoconferencia ao contar coa colaboración de profesores que estiveran no centro o ano pasado.

COLABORACIÓN. Unha das partes importantes do proxecto é a parte económica, o como patrocinar a misión espacial. “Buscamos a colaboración das empresas da contorna que xa fixeron as súas achegas económicas o ano pasado e este ano renovan o seu patrocinio”, conta.

O pasado día 2 de xuño realizouse o lanzamento dende o aeródromo de Rozas (Lugo). “Tiñamos a grande expectativa de saber se os cálculos que fixeramos e o que marcaramos nas probas acabaría funcionando. Sen dúbida a misión tivo éxito”, engade. Tras a valoración dos nove Cansats participantes, o centro elixido para representar a Galicia na fase nacional do concurso foi o IES David Buján de Cambre. En calquera caso, o IES Eduardo Pondal non voltou para Ponteceso coas mans baleiras xa que obtivo dous accésit nas categorías de Misión científica e Competencias profesionais.

A coordinadora destaca o gran traballo dos participantes. “Os profesores o único que fixemos foi axudalos a centrarse nos tempos e na organización. Os alumnos dos que estamos a falar son moi bos e teñen unha base neste tipo de traballos, xa que algúns participaron anteriormente nas aulas científicas da Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso”, engade.

Covadonga Gash confía en que non haxa un punto e aparte. “Cando recibiron a puntuación e os premios dixeron que o volverían a intentar o ano seguinte”, conclúe.

24 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.