Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Plan piloto en Carballo para impulsar dez proxectos de emprendedores e pemes

Está promovido por AJE Galicia e conta co apoio da Xunta de Galicia e do Concello // Combinará asesoramento, formación e innovación

Dez emprendedores e pemes de Carballo e doutros puntos da comarca de Bergantiños desenvolverán nove proxectos no marco de Impulso rural, un proxecto piloto impulsado pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE Galicia) que conta coa colaboración da Xunta e do Concello carballés.

Unha iniciativa que foi presentada no Fórum Carballo, que será a sede deste novo programa de fomento do emprendemento. Miguel Miragaya, presidente de AJE Coruña; Fany Suárez, subdirectora da Oficina Galicia Emprende do Igape, e Milagros Lantes, concelleira de Planificación, Estratexia Urbana e Contratación, participaron na presentación do proxecto, que dirixe Noelia Rodríguez.

O obxectivo de Impulso rural é facilitarlles aos emprendeores as ferramentas necesarias para que poidan impulsar os seus negocios no actual contexto económico. Neste sentido, o programa combina asesoramento personalizado e talleres formativos en habilidades clave, coa innovación, o deseño de negocio e a dixitalización como elementos transversais.

Cada empresa terá acceso a dezaoito horas de formación e seis de asesoramento individual, conducidas por un mentor de proxecto e un mentor especialista que se asignarán en función das necesidades de cada proposta.

Con esta iniciativa é posible “achegar os recursos aos lugares onde xorden as ideas. Por iso nos gusta o programa, porque permite que as ideas emprendedoras se desenvolvan onde nacen”, destacou Fany Suárez.

Pola súa banda, a concelleira Milagros Lantes desexou aos participantes “que poidades levar a cabo os proxectos que tedes en mente, e se podedes facelo en Carballo para ter un futuro de vida aquí, moito mellor”.

Este mércores desenvolveuse a primeira acción formativa, Da oportunidade ao mercado, pero ata o 8 de xuño levaranse a cabo outros cinco talleres nos que se abordarán aspectos como a innovación, a creación dunha estratexia de márketing, as ferramentas de xestión para rendibilizar unha empresa, o deseño de produtos e servizos innovadores na era dixital e as estratexias de colaboración e crecemento. O programa rematará o 16 de xuño cunha xornada de networking no propio Fórum Carballo.

O Concello de Carballo vén apostando por diferentes iniciativas que contribúen ao fomento do emprendemento, dende a posta en marcha do Carballo Coworking, que se atopa en pleno proceso de recepción de solicitudes, ata o Laboratorio de emprendemento social e solidario, que tamén inclúe diferentes obradoiros ata o 27 de xuño e no que tamén está aberta a participación.

O pasado martes, no marco do referido laboratorio, impartiuse un taller formativo baixo o lema As sociedades laborais como fórmula empresarial, que se complementou cunha mostra de experiencias de sociedades laborais. A seguinte sesión será o 19 de maio, de 10.00 a 14.00 horas, e consistirá nun obradoiro de innovación sobre o que poden facer as TIC pola economía social. Neste mes de maio tamén está programada unha mostra de experiencias de finanzas éticas como fórmulas de financiamento de proxectos sociais e iniciativas financiadas por elas. A cita é o día 30, de 10.00 a 12.30 horas, no Fórum Carballo.

05 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.