Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Programa. Formarán e orientarán a duascentas persoas // O reto é que alomenos o corenta por cento consiga un posto de traballo // Búscase dar resposta tamén ás demandas actuais de profesionais por parte das empresas da zona TEXTO M. Lavandeira

Plans de empregabilidade para veciños da Laracha e Carballo

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde larachés, José Manuel López, presentaron dous novos programas integrados de emprego (PIE) que mellorarán a empregabilidade de 200 persoas da Laracha e Carballo.

Os PIEs outorgados contan cun investimento de 250.000 euros, e serán financiados pola Consellería de Emprego e Igualdade. O obxectivo destas dúas iniciativas é alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 40 %. O seu inicio será inmediato e consistirá en itinerarios curriculares, cursos de formación, mellora das habilidades profesionais e outras medidas laborais durante un período de doce meses ao tempo que contará coa colaboración de varias empresas da contorna.

Trenor destacou que ambos concellos teñen un importante compromiso coa empregabilidade porque levan anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e conseguen importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afrontan.

Os PIEs susténtanse sobre as bases da información, orientación, asesoramento, formación (específica e transversal), práctica laboral, percepción empresaial, habilidades sociolaborais, fomento da capacidade de emprendemento e intermediación laboral.

Os participantes, co asesoramento dos orientadores, poderán decidir realizar algunha das sete accións formativas do catálogo de especialidades do Servizo Público Estatal: iniciación á creación de páxinas web, desenvolvemento web para comercio electrónico, coordinación e apoio á dirección de recursos e servizos dirixido ás persoas maiores, atención sociosanitaria a persoas dependentes con alzhéimer ou outras demencias en institucións sociais, organización de almacén, xestión loxística e mellora da xestión do stock e beneficios en comercio.

Orientaranse cara eses ámbitos as accións formativas, acompañarase nos itinerarios curriculares individualizados ás persoas participantes e ofreceráselle a oportunidade de realizar prácticas en empresas colaboradoras dos dous concellos.

O delegado da Xunta apuntou que “unha das apostas máis importantes da Consellería de Emprego e Igualdade son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas da contorna o que permite unha posterior integración laboral máis alta”. Ademais, engadiu que “outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo”.

Entre as accións máis importantes da Xunta, que se desenvolven na contorna desta comarca, destacan as Accións Formativas para Desempregados (AFD), que este ano contarán con 42 cursos nesta área cun investimento de 1,7 millóns de euros e os Obradoiros de Emprego, para os que a Xunta reserva outros 1, 7 millóns para apoiar a celebración de 5 talleres de formación e os Programas Integrados de Emprego.

Neste senso, Trenor lembrou que en total a Xunta investirá nas comarcas de Bergantiños - Costa da Morte máis de 3,7 millóns de euros nestes tres plans de emprego que permitirán a celebración de 49 cursos de formación para desempregados.

O PROTAGONISTA
“Os anteriores deron bos resultados”
José Manuel López
Alcalde de A Laracha

O alcalde larachés, José Manuel López, sinalou que este será o terceiro programa destas características que se vai realizar no seu municipio, e subliñou os “bos resultado no aspecto formativo e de inserción obtidos nos dous anteriores”.

Salientou tamén que o tipo de formación ofertada, centrada en sectores tan diversos como o comercio, a loxística e a atención sociosanitaria a persoas dependentes, “son especialidades con demanda actual de traballadores cualificados”.

En definitiva, “co PIE preténdese aproveitar as oportunidades que se presentan no termo municipal da Laracha e o seu entorno, en especial grazas ao desenvolvemento industrial que se está a rexistrar no noso concello”, engadiu o rexedor.

Os cen participantes no PIE da Laracha poderán elixir entre sete accións formativas do catálogo de especialidades do Servizo Público Estatal.

{ Pasaba por aquí }
A necesaria formación
Manuel Lavandeira

Axustar a demanda á oferta de emprego é imprescindible para poder rebaixar as elevadas cifras de desemprego. E nese proceso xogan un papel fundamental a formación e tamén a colaboración dos propios empresarios, para deste xeito coordinar as accións encamiñadas a dar resposta tanto a quenes buscan un emprego como ás empresas que precisan de profesionais cualificados. Ese é o obxectivo dos programas integrados de emprego impulsados dende a Xunta, os cales están a ser moi ben acollidos polos concellos nos que se desenvolven. É ben sabido que os recursos son limitados, pero habería que facer o posible para ampliar este tipo de iniciativas e outras que permitan achegar a demandantes de emprego e empregadores.

25 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.