Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Premio á creatividade dos comercios que adornaron os escaparates na Laracha

Repartiron máis de 1.800 euros entre todos os participantes // Santa María de Torás gañou o concurso virtual de panxoliñas

O Concello da Laracha repartirá case 4.000 euros en premios á creatividade da súa veciñanza, logo de fallar os concursos municipais de escaparates e panxoliñas.

Na 26 edición do certame de escaparates houbo dúas modalidades: a tradicional cos galardóns outorgados polo xurado e tamén o realizado na páxina de Facebook do Concello. O primeiro premio (500 euros) foi para Panadería Suso; o segundo para Agrotusset (400 €); o terceiro recaiu en Canela & Pimienta (300 €); o cuarto para Floristería Churima (200 €) e o quinto para Agrícola Castiñeira (100 €).

No concurso de Facebook houbo máis de 2.200 reaccións dos usuarios no álbum coas fotos de todos os participantes. As tres que obtiveron un maior número de votos positivos e, polo tanto, resultaron premiados, foron Xarope Hospital Veterinario (150 euros), con 443 votos; Agrostusset (100 €), con 396 “gústame”; e o terceiro levouno Panadería Suso (50 €), cun total de 336 votos.

Como cada ano o Concello da Laracha convocou este concurso cos obxectivos de apoiar economicamente e estimular ás empresas e comerciantes do municipio para decorar os escaparates con motivos propios das datas do Nadal e que iso tamén sexa un aliciente para que os cidadáns aposten polo comercio local para facer as súas compras durante as festas. Nesta edición repártense 1.800 euros en premios.

Pola súa banda, A Asociación Cultural Santa María de Torás, coa súa peza O pelo roxiño, logrou o primeiro premio do tradicional Concurso de Panxoliñas María Angeriz Tuset que organizou o Concello e que neste ano se realizou por primeira vez na modalidade virtual, adaptándose así ás restricións motivadas pola situación epidemiolóxica.

Os premios do certame foron decididos directamente polos usuarios das redes sociais a través dunha votación pública na páxina de Facebook do Concello. Entre os seis grupos participantes rexistráronse máis de 7.200 “gústames” desde a apertura do prazo o 23 de decembro e ata o mediodía do 3 de xaneiro. A panxoliña gañadora contou con 2.860 reaccións positivas, obtendo por tanto o premio económico de 400 euros. O segundo posto (300 euros) foi para a Asociación Cultural Arume de Caión, con 2.548 votos á súa panxoliña titulada Despedida de ano vello.

En terceiro lugar (200 €) quedou o Coro Xuvenil Santa María de Torás, que obtivo 803 votos con O caixón das emocións. A estes premios hai que engadir a gratificación de 200 euros a cada grupo.

04 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.