Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Primeira colleita en Corme para a trinta edición da popular Festa do Percebe

Os mariscadores volveron ás pedras do Roncudo, reservadas para o Nadal e a cita gastronómica // Celebrarase o vindeiro sábado, 2 de xullo, e serviranse mil quilos

Máis de trinta mariscadores regresaron este mércores ás pedras do Roncudo para colleitar os primeiros e prezados crustáceos que se degustarán na XXX Festa do Percebe, que se celebrará o sábado, día dous de xullo, en Corme.

Aínda que se atoparon cun “mar de inverno”, o patrón maior, Roberto Vidal, confirmou que “todos collemos o tope”, fixado en seis quilos. Respecto á calidade sinalou que “o percebe é bo”. O xoves e o venres volverán ao Roncudo, xa con mellor tempo, a fin de colleitar uns mil quilos do prezado crustáceo para a popular festa gastronómica.

Vidal subliñou asimesmo que os percebes destas afamadas pedras só se colleitan polo Nadal e agora no verán para a festa. O resto do ano, esa área está vedada e non se pode mariscar na mesma. O obxectivo é reservar os mellores exemplares para unhas datas tan sinaladas.

O percebe que colleitan estes días póxase na lonxa da Coruña, pero xa está reservado pola confraría para que sexa servido en exclusiva na festa de Corme, segundo confirmou o patrón maior.

A celebración comezará ás 12.00 horas cunha misa na igrexa parroquial de Corme na honra dos percebeiros e mariñeiros, que será cantada pola coral local Brisas do Mar.

Tamén ao mediodía recibirán na lonxa ao presidente da Fundación Titanic, o cormelán Jesús Ferreiro, quen relatará as historias que recopilou de varios sobreviventes aos que entrevistou no marco da conferencia Titanic: hablan los supervivientes.

A venda de tickets para poder degustar os prezados percebes comezará ás 12.30 horas, ao mesmo tempo que a súa cocción. As rúas de Corme estarán animadas pola charanga DGT. Será o aperitivo da degustación gastronómica, que comezará ás 13.30 horas na zona portuaria.

Previamente darase lectura ao pregón, que este ano terá tres protagonistas: Inocencio Suárez, expatrón maior e promotor da primeira Festa do Percebe; o exalcalde Ramón Saleta, que nos inicios da celebración presidía o Concello de Ponteceso; e o xornalista radiofónico Marcial Mouzo, que foi o primeiro pregoeiro. Da presentación encargarase a actriz Estíbaliz Veiga.

Pola tarde, a gastronomía dará paso á música coa charanga DGT, Judith Cundíns e os DJ’s Charlie, Roy, Jossi, Arayse, Marmike, Maiki Rama, Warce, Drew e Iago, e a disco móbil Macro Impacto.

O alcalde da localidade, Lois García, emitiu un bando advertindo que se prohibe a ocupación do espazo público sen licenza municipal no núcleo urbano, nas praias, nos paseos e no porto.

30 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.