Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Primeiro escoitar, despois opinar

Dende a nosa asociación seguimos en loita. Para que se nos escoite e se intente comprender a nosa situación. Negámonos a aceptar que vivimos nun mundo no que só os que fan máis ruído e berran máis teñen razón. E, por iso, imos seguir defendendo o noso futuro, a nosa comarca e a nosa forma de vida, unha industrialización sostible da comarca, como mellor sabemos: con explicacións, respecto e tendendo a man a todos os axentes que así o requiran. Non obstante, pese a todo séguennos sorprendendo as actitudes de certos colectivos que se negan a escoitar e a saír da súa postura do “non a todo”. Unha postura infundada e baseada unicamente en intereses políticos e manipulacións. Unha postura que está moi lonxe de fundamentarse na escoita, na información contrastada e na visión global e conxunta, que recolle tamén as opinións de profesionais e non só de colectivos contrarios.

Por iso nos entristece que certos colectivos opinen dende esa postura sobre un proxecto que, ademais, está demostrado que non lles afecta. Eles gritan ben alto que “non”, pero non chegan a escoitarnos a nós. Os máis de 1.300 veciños e veciñas que pertencemos a esta asociación, e que defendemos o “si”. Un si á industria, ao futuro e á nosa comarca. E, por suposto, un si con garantías. Porque non nos deixan explicarllas? Opóñense firmemente a un proxecto que está a máis de 60 quilómetros sen coñecelo a fondo. Atrévense a pedir o cese dunha actividade que non lles afectará, nunha zona que non é a súa. E, cando se propoñen solucións ás súas demandas, de forma voluntaria pola empresa, tampouco as aceptan. Nin sequera as escoitan...

Por favor, deixade de interferir no noso futuro e no desenvolvemento da nosa comarca dun xeito tan gratuíto. Nós somos os primeiros interesados en que as cousas se fagan ben. Se necesitades información, pedídenola. Se necesitades solucións ante algunha cuestión que vos preocupe, esixídeas, pero aceptádeas tamén cando as teñades. E se necesitades garantías de que as cousas se van facer ben, solicitádeas e confiade. Porque esas garantías corresponden ás esixentes normativas europeas en materia medioambiental.

Todo iso está á vosa disposición: a información, as solucións propostas e as garantías. So tedes que abandonar por un momento esa postura do “non a todo”. Non cerredes o paso ó progreso. Porque vós non queredes que se fagan obras de remediación ambiental. Non queredes o proxecto, pero nós necesitámolo. E, ante todo, non queremos conflitos entre veciños. Porque isto non é unha guerra, é un proxecto para a comarca. É o futuro da nosa terra e merece o máximo respecto.

Asociación Plataforma Mineros Touro - O Pino

  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.