Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Paisaxe protexida. Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía Física da USC, presentou en Coímbra un amplo estudo // Defíneos como un museo de xeoformas de arte natural único e di que merecen ser Lugar de Interese Xeolóxico TEXTO J. M. Ramos

Proxectan a nivel internacional a Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba

Os Penedos de Pasarela e Traba, que se estenden polos concellos de Vimianzo e Laxe, foron declarados como Paisaxe Protexida pola Xunta de Galicia en 2009 e, á espera de que se desenvolva o esperado plan de xestión da contorna, a sú magnificencia foi dada a coñecer no último Congreso Internacional de Xeomorfoloxía celebrado en Coímbra (Portugal), no que o catedrático de Xeografía Física da USC, Augusto Pérez Alberti, presentou os resultado dun amplo estudo de campo elaborado este ano.

Un traballo que complementa o estudo que el mismo elaborara para xustificar a declaración do espazo como Paisaxe Protexida e, a través do cal, puido identificar 92 xeoformas singulares polo seu deseño, aínda que, engade, “a bo seguro que a cantidade é maior”. O seu obxectivo é que este “museo de xeoformas que acadan a categoría de arte natural” poida ser coñecido en todo o mundo, pois como ben comprobou no congreso luso, no que se deron cita os maiores especialistas en xeomorfoloxía, “moi poucos coñecían os Penedos de Traba e Pasarela”. Un descoñecemento que, afirma, é extensible ao ámbito nacional e, mesmo, a nivel máis local, a pesares do bo traballo realizado por entidades como o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom).

Pérez Alberti ten claro que este singular conxunto granítico “é único” pois ningún “ten tanta riqueza xeomorfolóxica como os Penedos de Traba e Pasarela, nos que a natureza modelou animais, persoas e outras formas xeométricas sen que teñamos constancia de que existan e ningún outro sitio”, afirmou.

Por iso, considera que pola riqueza e variedade de xeoformas, os Penedos “merecen ser un Lugar de Interese Xeolóxico”, unha figura que “axudaría á súa divulgación e resaltaría os seus valores tanto a nivel nacional como internacional”. Con tal fin asegura que, xunto con seu equipo, seguirá traballando para elaborar un artigo que postule e avale a candidatura a tal distinción.

Pérez Alberti resalta ademais que os Penedos de Traba e Pasarela están encadrados nun espazo natural de gran riqueza que, dende cabo Vilán (Camariñas) ata Laxe, acolle as dunas de Trece, as formacións graníticas de Camelle e Arou, o núcleo de Santa Mariña, a lagoa de Traba ou a praia de Soesto, entre outros puntos de interese que “todo unido pode exercer como atracción do ecoturismo, pero hai que dalo a coñecer”, afirma.

Entende que para divulgar este espazo non é necesaria unha forte inversión nin crear grandes centros de interpretación, senón que “aproveitando as novas tecnoloxías se podería facilitar aos visitantes información sobre o conxunto e como se formaron estes magníficos Penedos”. Outro aspecto importante sería acometer a limpieza da contorna para eliminar a maleza e especies invasoras e facilitar o acceso a todo o espazo, á marxe da ruta que xa sinalizaron os dous concellos.

Pérez Alberti tamén presentou o seu estudo á veciñanza de Pasarela (VImianzo), nun acto que estivo organizado polo Seminario de Estudos da Costa da Morte, cuxo presidente, Xosé María Lema, coincide co catedrático na importancia de “protexer estas formacións pétreas, que son únicas no mundo, e así o defenden o propio Alberti e outros especialistas como Vidal Romaní, e incluso o australiano Twidale”.

Lema Suárez non se explican “como aínda a Xunta non rexeitou a posibilidade de que se instalen parques eólicos nun espazo tan singular”. Os proxectos, engadiu, deben ir encamiñados a “protexer e valorizar os Penedos, algo co que os concellos e a propia veciñanza están dacordo”.

15 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.