Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pulo ao emprego do galego no sector empresarial con 3.000 € en premios

No departamento amesán de Normalización Lingüística animan a participar na categoría de novas firmas e na de consolidadas // Valórase o uso cotián e na web

Ames volve a apostar pola lingua de Rosalía en todos os ámbitos, e o seu Servizo de Normalización Lingüística lanza a quinta edición do Premio Lingua e Empresa, que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito empresarial local. Poden optar todas as empresas con sede social ou centro de actividade na capital maiá ata o 18 de novembro, e a dotación económica do galardón é de 3.000 euros, que serán repartidos entre dúas categorías. As bases do concurso pódense consultar premendo na ligazón que figura na web.

Os aspectos a valorar son a utilización do galego na comunicación interna e externa, tanto oralmente como por escrito, medindo o impacto que a actividade da empresa poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística. Pero tamén teranse en conta a páxina web e as redes sociais da propia compañía, se as utilizase, así como as campañas publicitarias ou materiais promocionais que empregue. Igualmente valorarán a comunicación do establecemento empresarial de cara á clientela (uso habitual da lingua co seu público e nas súas actividades e servizos), así como entre o persoal e os diversos departamentos.

Para a comprobación deses méritos, as empresas candidatas deberán aportar os enlaces web correspondentes ou achegar materiais impresos, ademais de facilitar ao Concello toda a información que se lles requira sobre a súa comunicación interna e externa. Como en anteriores ocasións, haberá unha categoría que engloba ás empresas que teñen un uso consolidado e estable do idioma de Castelao dende hai máis de dous anos, mentres que a segunda recoñece a todas as que naceron nos últimos 2 anos ou que incorporaron o galego no último período.

A dotación económica será de 3.000 euros, 1.500 para cada unha das seccións. Ademais, as gañadoras contarán cunha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal. O prazo de presentación de candidaturas comezará o día posterior á publicación da convocatoria do premio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, e remata o día 18 de novembro de 2022 ás 14.00 horas.

Interviron no acto no concello a edil de Mocidade, Escarlata Pampín, e máis a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, acompañadas por Lois Lopes, presidente de Hostalaria.gal, e Jorge López, da Xuntanza de Empresarios de Ames. Precisamente, Pampín referíase a que esta nova convocatoria “traerá algunhas novidades con respecto á anterior” e alentou á participación. “Queremos animar a todas as empresas a que participen, porque, como veñen poñendo en valor os gañadores das pasadas edicións, o galego no ámbito empresarial e comercial nunca é unha traba, senón que sempre suma”, declarou. Ademais, aproveitou para agradecer a cooperación das patronais amesás.

26 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.