Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Queixas da veciñanza pola mala xestión da recollida de residuos

Os residentes de Costoia están fartos de que aparezan cristais, mobles e todo tipo de materiais ó lado do parque infantil // Os vehículos detéñense alí para depositar o lixo imposibilitando a visión e o tráfico en toda a zona do cruce

A veciñanza de Costoia está farta de que día tras día aparezan diferentes tipoloxías de residuos que poñen en perigo a integridade de todos os nenos e nenas que frecuentan a zona, xa que os contedores atópanse ao carón dunha área de xogos infantil. Ademais, neste mesmo lugar estase a xerar un risco para a seguridade dos viandantes e dos condutores, xa que os vehículos detéñense na zona para depositar o lixo e non permiten a circulación, impedindo a visibilidade e poñendo en claro perigo ao resto de usuarios da vía.

A problemática non só queda nestes dous aspectos que se acaban de mencionar, porque a maiores dos cativos e da inseguridade viaria que se crea, atópase o problema do autobús, xa que este tipo de transporte non pode circular con normalidade debido ao estacionamento incorrecto destes irrespetuosos cidadáns.

Doutra banda, están os servizos de recollida de residuos municipais, os cales só se limitan a retirar o que se atopa no interior dos contedores e non o que se atopa fóra. Ademais, os obxectos que teñen que ser depositados no punto limpo municipal non son recollidos, creando así un malestar que se prolonga semana tras semana na zona afectada.

Ames conta cunha gran cantidade de casos como este e doutros moito peores, dado que existen moitas zonas, documentadas e recoñecidas polo Concello, que albergan cantidades inxentes de residuos de todas as clases: mobles, televisores, electrodomésticos e un millar máis de cousas que afectan dun xeito directo e maiúsculo ao medioambiente.

Dende a veciñanza solicítanlle ao Concello que interveña no asunto e busque unha solución que mellore as condicións nas que se atopan puntos como Costoia, facéndoos salubres e seguros para a cidadanía.

Adíase o inicio da segunda fase dos bonos comerciais MercaAmes ao 15 de setembro

Ames. A campaña de reactivación comercial lanzada pola concellería de Promoción Económica adíase, por motivos descoñecidos, até o 15 de setembro e prolóngase ata o mesmo día do mes de novembro.

O Concello, que investiu 92.000 euros en axudas directas ao comercio local, busca con esta campaña incentivar as compras nos establecementos comerciais do municipio nesta segunda fase do programa, á que se adheriron 207 establecementos da localidade e que esperan que con este plan de promoción económica se revitalice o consumo local e se xere un impulso que axude aos traballadores amesáns a volver a unha relativa normalidade despois de todo o sufrido ó longo da pandemia.

Así pois, calquera persoa, residente ou non no concello de Ames, pode adquirir os bonos que se porán á venda a partir do mesmo día 15 de setembro en Bertamiráns e no Milladoiro. Tan só presentando o DNI que o acredite como maior de 18 anos terase acceso directo a este tipo de axudas, das cales existen dúas modalidades. Coa primeria delas, por valor de 50 euros, do valor total da tarxeta o Concello de Ames achegará 20 euros e a persoa beneficiaria achegará 30 euros. Coa segunda, de 100 euros, a administración local proporcionará 40 euros e o beneficiario os 60 euros restantes.

A modo de resumo do funcionamento, o bono Reactiva Ames é unha tarxeta prepago a través da cal o Concello porá ao dispor das persoas beneficiarias unha axuda igual ao 40 por cento do valor da mesma.

Nesta segunda fase da campaña porá a dispor dos beneficiarios, a través da entidade colaboradora, un total de 2.800 tarxetas que funcionarán como unha tarxeta Visa prepago, con banda magnética, sen chip nin PIN e que para a tranquilidade de todas as persoas usuarias ou interesadas serán anónimas. É dicir: non se saberá ningún dato da persoa que leve a cabo o seu usufructo, garantindo de modo completo a seguridade dos beneficiarios e beneficiarias da devandita campaña.

20 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.