Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O informe que analiza estos parámetros foi presentado en Quián e conclúe que en 2021 se acadaron transaccións con 18.820 hectáreas implicadas, cun valor de 230 millóns de euros // Son os datos máis altos dende o ano 2008 TEXTO Claudina Estévez

Récord de mobilidade de terras rústicas por compravenda

A Xunta celebra que en 2021 se acadaron os valores máximos de mobilidade de terras rústicas por compravenda dende o ano 2008. En total, transaccionáronse 18.820 hectáreas, das cales 6.124 son de superficie agraria útil e as 12.696 restantes de monte. Así o reflicte o último informe elaborado polo Observatorio Galego de Mobilidade de Terras que foi presentado este martes no pazo de Quián, en Boqueixón, no marco dunha reunión presidida pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. Nesta memoria analízase a situación do mercado de terras rústicas na comunidade galega entre os anos 2008 e 2021.

Segundo indica, ao comparar o período 2020-2021 co bienio previo, o incremento da superficie transaccionada foi dun 54 %. O tamaño medio da parcela involucrada mantívose estable, cunha cifra aproximada de 0,3 hectáreas: 0,25 ha de superficie agraria útil e 0,33 ha para monte. Neste senso, o Observatorio Galego de Mobilidade de Terras indica que no bienio 2020-2021 realizáronse 66.926 operacións de compravenda, das cales 24.174 foron de superficie agraria útil e 42.752 de monte. Deste xeito, o mercado de compravenda de terreos rústicos en Galicia acadou un volume duns 500 millóns de euros no período 2019-2021, dos cales 230 millóns corresponden só ao ano 2021.

No relativo á taxa de mobilidade, no conxunto de Galicia situouse nun 0,94 % no ano 2021, polo que experimentou un incremento notable dende 2019, cando estaba no 0,57 %. Estas taxas de mobilidade son superiores na metade norte da comunidade, coincidindo así coas principais comarcas gandeiras de vacún de leite, e especialmente na provincia da Coruña. No referido aos prezos, os datos case igualan os máximos de toda a serie analizada dende o ano 2008, na contorna de 1,2 €/metro cadrado de media; con 1,91 €/metro cadrado para a superficie agraria útil fronte aos 0,82 €/metro cadrado para o monte.

OBSERVATORIO. O Observatorio Galego de Mobilidade de Terras xorde dun convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural, a Axencia Tributaria de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio, a Fundación Juana de Vega e a Universidade de Santiago de Compostela. Deste xeito, o Observatorio nace co obxectivo de recoller, elaborar e difundir información anual sobre a mobilidade de terras rústicas en Galicia, co fin de mellorar a transparencia dos mercados e coñecer as dinámicas que se dan sobre ditas terras para poder deseñar e implantar políticas públicas e aproveitar mellor a terra e os recursos do territorio.

Este proxecto concluíu que as fontes idóneas para obter información sistemática e actualizada sobre as dinámicas da mobilidade de terras en Galicia son os datos xestionados polo Banco de Terras e os derivados do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados. Por outro lado, a integración dos datos do Sistema de Información Xeográfica Catastral e o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas permite a aproximación a mecanismos de mobilidade de terras non documentados como os contratos orais de arrendamento, cesións e/ou permutas.

INFORME
“Hai que ter
en conta a pandemia”

··· Na lectura dos datos de 2021 no informe sobre prezos e mobilidade da terra rústica en Galicia no 2022, a Xunta indica que “debemos ter en conta os posibles efectos da pandemia da covid-19 e as cirscunstancias excepcionais que xerou, especialmente no 2020”, que puideron trasladar parte das transaccións do 2020 ao 2021. Non obstante, aínda así, “o 2020 tamén presentou un nivel de operacións claramente superior aos anos previos”.

··· Continúa acentuándose o gradiente norte-sur, cunhas taxas de mobilidade claramente superiores na metade norte de Galicia, especialmente na provincia da Coruña. No último trienio as taxas medias de mobilidade anual aumentaron con forza no interior desa provincia, mentres que baixaron lixeiramente na Mariña Occidental e Oriental. Esto orixinou que A Coruña supere agora con claridade á provincia de Lugo, cando no informe previo estaban parellas.

{ A OLLADA }
Cambios vitais
Claudina Estévez

As operacións de compravenda de terreos rústicos durante o período 2020-21 supuxeron practicamente un incremento do 50 % respecto ao anterior. Unha posible explicación podería ser a pandemia, que desprazaría as operacións do 2020 ao 2021. Isto, sumado á inflación e á inestabilidade económica podería explicar o crecente interese por investir neste tipo de terreos, tanto como negocio como para gozar do campo despois dun longo encerro. A pandemia implicou moitos cambios negativos, pero tamén axudou a darlle valor, como se pode ver, á terra. Non se aprecia só un incremento no interese polo solo rústico, senón tamén polos soares, pois produciuse un notable aumento da compra de casas con xardín nos pobos.

11 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.