Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
MEDIO AMBIENTE. En 2020 a Xunta acometeu unha actuación para pode regular o caudal hídrico // Garántese así a protección deste espazo natural e os intereses dos mariscadores // Ángeles Vázquez e Rosa Quintana visitaron a zona TEXTO M. Ramos

Recuperada a plena conexión da lagoa de Baldaio co océano

A intervención ambiental executada pola Xunta de Galicia na lagoa de Baldaio, en Carballo, garante de forma integral e estable ao longo do tempo a protección dos valores naturais deste espazo e os intereses do sector marisqueiro que traballa na zona. Así o subliñaron este luns as conselleiras de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, no marco dunha visita para coñecer o estado desta zona húmida tras a actuación executada en 2020 coa finalidade de regular o seu caudal hídrico e garantir a conexión entre a lagoa interior e o mar, con independencia das condicións meteorolóxicas.

A responsable de Medio Ambiente explicou que a intervención da Xunta foi necesaria porque durante o inverno a acción combinada das mareas e dos temporais acabou erosionando de forma intensa a barreira natural que separa o humidal da praia, provocando unha perda considerable dos medios dunares que permitía, deste xeito, a entrada de auga mariña e o depósito de importantes cantidades de area na lagoa.

O outro efecto negativo que obrigou a actuar detectouse no funcionamento da antiga presa, que quedou inutilizada na práctica, xa que a acumulación de area impedía calquera tipo de intercambio de auga entre a lagoa e o mar.

Por este motivo, Ángeles Vázquez explicou que a Xunta decidiu intervir para, en primeira instancia, reducir de forma controlada e progresiva o volume de auga acumulada no humidal, e nunha segunda fase, mellorar o fluxo entre a lagoa interior e o mar, unha regulación que naquel momento non se podía conseguir de forma natural.

O resultado das actuacións acometidas (cun investimento de máis de 36.000 euros e nas que se contou co asesoramento e colaboración do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) “foi todo un éxito e grazas a elas logrouse recuperar plenamente o funcionamento intermareal habitual da lagoa interior”, afirman.

A conselleira de Medio Ambiente avanzou que se realizará un “seguimento continuo” do humidal co fin de supervisar que segue aberta a conexión entre a lagoa interior e o mar e se manteñen as mellores condicións para asegurar un equilibrio entre os valores naturais desta zona e a actividade económica que se desenvolve na mesma.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, pola súa banda, coincidiu en subliñar que as actuacións realizadas pola Xunta na lagoa de Baldaio son unha boa mostra de que se poden conxugar os intereses ambientais cos do sector marisqueiro, dado que a súa actividade é compatible coa preservación dos hábitats.

Por iso, explicou que seguirán traballando para coidar o medio ambiente e protexer a actividade marisqueira que desenvolve a Asociación de Mariscadoras Fonte de Santa Helena de Baldaio, que multiplicou por cinco desde 2018 tanto a súa produción como a facturación.

En presenza do presidente dos mariscadores da zona, Alfredo Castro, Rosa Quintana tamén incidiu en que o coidado deste espazo singular e a aposta polo marisqueo “contribúen a crear emprego, xerar riqueza, dinamizar o rural e fixar poboación na contorna”. Nesta liña, lembrou que a Consellería do Mar pon todos os anos axudas a disposición do sector co obxectivo de mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros e que desde 2009 aprobou distintos proxectos da agrupación de mariscadoras de Baldaio por importe de preto de 60.000 € para mellorar as zonas de traballo.

comarcas@elcorreogallego.es

12 abr 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.