Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Reforzarán a calidade e a eficiencia do cuartel da Garda Civil de Corcubión

O proxecto contempla melloras do aillamento e a iluminación // Manuel Insua solicitou tamén a Miñones un reforzo do persoal

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, desprazouse este martes a Corcubión para anunciar un investimento de 1.952.504 euros para a remodelación exterior e interior do cuartel da Garda Civil de Corcubión, para mellorar a súa eficiencia enerxética, gañar en calidade habitacional e convertilo nun cuartel enerxeticamente sostible. Explicou que esta actuación amosa “a aposta do Goberno pola mellora dos servizos públicos e das condicións de traballo das forzas de seguridade e pola transición ecolóxica”.

O proxecto contempla a mellorar do aillamento exterior, tanto das paredes como da cuberta asi como as fiestras. Tamén se renovará a iluminación interior. Por último, prevese a instalación de paneis solares para o abastecemento de enerxía. “Con todo isto aforraremos como mínimo o 30% do total da enerxía do edificio e reduciremos o consumo da enerxía tradicional e emisións de CO2”, engadiu o delegado. A actuación estará rematada en 24 meses.

Aproveitou a súa visita para coñecer as instalacións do cuartel, no que traballan preto de medio centenar efectivos e onde se ubica a sede do destacamento de Tráfico. Alí coñeceu as novas instalacións da policía xudicial, unha unidade que leva operativa catro meses en Corcubión. Estivo acompañado polo alcalde de Corcubión, Manuel Insua, e responsables do posto da Garda Civil e da V Compañía de Carballo.

O proxecto do cuartel de Corcubión forma parte do conxunto de actuacións que impulsará o Goberno Central en 16 equipamentos do Ministerio do Interior en Galicia co obxectivo de promover o aforro e a eficiencia enerxética. O investimento, de 21 millóns de euros, procede dos fondos do do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, en concreto do Plan de Transición Enerxética da Administración Xeral do Estado.

José Miñones lembrou que “a transición enerxética é un compromiso prioritario deste Goberno, en todos os ámbitos, incluída a Administración”. E explicou que, na provincia da Coruña, o Goberno mellorará tamén o cuartel da Garda Civil en Fene (609.840 euros) e impulsará a eficiencia enerxética en edificios da Policía Nacional na Coruña e en Santiago (41.236 euros). O investimento na provincia supera os 2,6 millóns.

Despois, o delegado tamén visitou o concello, onde mantivo unha reunión co alcalde e concelleiros locais, na que abordaron os plans dispoñibles ao abeiro do Fondo de Recuperación, así como a unión dos paseos marítimos de Corcubión e Cee. Ademais, o rexedor, Manuel Insua, plantexoulle a necesidade de reforzar con máis persoal os corpos e forzas de seguridade do Estado na bisbarra.

MAZARICOS. Previamente, José Miñones, desprazouse ao Concello de Mazaricos para reunirse co seu alcalde, Juan José Blanco, a quen lle presentou as iniciativas que ten abertas xa o Goberno para municipios de menos de 5000 habitantes como o Programa DUS 5000 (para proxectos de enerxías limpas). Pola súa banda, o rexedor trasladoulle a necesidade de contar con conexión de banda ancha a Internet en tódolos puntos do municipio, que xa foi incluido no Plan Único de Banda Ancha dentro dos proxectos que comezarán a executarse este ano.

16 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.