Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Regulan o uso dos 15 inmobles públicos: co logo amesán e posible depósito previo

Vén de entrar en vigor o regulamento para empregar as casas da cultura, Pazo da Peregrina e locais veciñais // A administración local terá sempre prioridade

O Concello de Ames xa ten en vigor o novo Regulamento de uso e funcionamento das instalacións culturais municipais, unha normativa que afecta a 15 inmobles (entre casas da cultura, pazo ou sedes veciñais). E trátase dunha normativa exhaustiva, pensada para que os veciños e entidades poidan desenvolver actividades en común con garantías. Iso si, no seu articulado obrígase a, por exemplo, visibilizar a colaboración do Concello reproducindo o seu logo nas convocatorioas ou a posibilidade de cobrar un depósito previo en caso de preverse algún risco de danos.

Deste xeito, os locais afectados son as casas da cultura de Bertamiráns e Milladoiro (concretamente os seus auditorios, anexos, vestíbulos e sala de mostras se existe); o Pazo da Peregrina (sala de exposicións e a de xuntas) e os locais sociais de Agrón (tamén a súa vella unitaria), Ameixenda, Augapesada, Biduído, Cruxeiras, Covas, Lens, Piñeiro, Tapia, Tarroeira e Trasmonte, e faise constar que ata o momento non existía un regulamento destas características para estes locais.

As solicitudes de cesións de uso dos equipamentos farase mediante presentación do formulario que figura no anexo da publicación (na sección de avisos da web municipal) por rexistro ou na sede electrónica do Concello, sempre cunha antelación mínima de 10 días naturais respecto ao inicio da actividade para a que se solicita. Se as presentan despois, faise constar que poderán ser desestimadas e arquivadas automaticamente. A contestación farase nun prazo máximo de 10 días.

Desde a administración local faise constar, para non interferir cas solicitudes, que reservará os espazos precisos para as súas actividades, ben a principios de ano ou segundo se vaian programando, coa idea de respectar as solicitudes autorizadas en firme, “salvo casos de forza maior ou que por necesidades expresas dos distintos departamentos sexa necesario revogar a autorización da cesión, procurando, se é posible, facilitarlle outra data ou lugar alternativo”, explican.

Pero tamén dase conta tanto das obrigas dos que fagan as peticións de uso, que se analizan no despece, ademais dos seus dereitos: ao fío, destacan a confidencialidade dos datos persoais e a privacidade en relación cos materiais e servizos recibidos; a utilización do local e os materiais concedidos durante o tempo indicado na concesión (a non ser que lle fora comunicada con anterioridade a suspensión da autorización); recibir a chave de acceso ao local autorizado mentres dure a concesión; presentar suxestións ou queixas e recibir unhas instalacións “en boas condicións e co material indicado na autorización”.

O Concello de Ames tamén aporta que “na procura dunha maior rendibilidade cultural aos equipamentos e apoio á creación artística do tecido profesional e empresarial”, facilitará os espazos e equipamento que figuran a creadores, compañías profesionais consolidadas e emerxentes ou grupos musicais, entre outros, que desenvolvan as súas liñas de traballo nos ámbitos das artes escénicas, artes plásticas e musicais, para o ensaio, produción e exposición dos seus proxectos. Nestes casos, asinarase un convenio de colaboración no que figurará a contraprestación ao Concello de Ames polos espazos e equipamentos que se vaian utilizar.

E , concretamente, Ames poderán solicitarlles actividades pedagóxicas, de promoción de arte ou acoller estrea das novas producións.

Obrigas dos usuarios: repoñer destrozos a risco de que non se lles permita empregar máis o local
Lembran o requisito de utilizar sempre a lingua galega na difusión das actividades previstas

No que atinxe ao apartado das obrigas dos veciños ou colectivos que demanden o uso, consta a de respectar os horarios de entrada e saída para non interferir no resto de actividades, ademais de devolver as dependencias emateriais cedidos nas mesmas condicións nas que lles foron entregados e velar polo coidado e uso adecuado das instalacións e deses equipos (no momento de producirse calquera estrago no materialdas salas, comunicarase ao responsable do centro).

Consta a prohibición expresa de fumar, así como que a persoa solicitante será a responsable directa de todos os asuntos relacionados coa asociación ou grupo no referente ao uso de espazos. Tamén deberán adoptarse as medidas necesarias para que se respecte a capacidade dos equipamentos, ter todos os permisos necesarios para desenvolver as actividades e expoñer o prezo ao público, cando haxa pagamento de entradas para o propio evento ou ben unha matrícula.

Non se poderán acometer actividades que poidan supoñer un risco para as persoas, nin levar a bo porto as contrarias ao uso normal dos elementos estruturais, do mobiliario, das instalacións e dos equipamentos. E estarán obrigados, asimesmo, a visibilizar a colaboración do Concello de Ames coa incorporación do logotipo en todo o material gráfico de difusión da actividade, ademais de empregar a lingua galega nos distintos soportes de difusión da actividade, conforme a ordenanza municipal de uso do galego do Concello de Ames.

As perdas ou deterioracións ocasionadas polo mal uso dos materiais ou instalacións cedidos serán restituídas polas persoas solicitantes no prazo que o Concello determine, ca advertencia de que en canto non se realice a reposición, ou as reparacións pertinentes, denegaránselles as futuras solicitudes. “O incumprimento destas normas poderá supor a perda da autorización do uso polo período en vixencia e a denegación de futuras peticións”, suliñan os redactores da norma.

21 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.