Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O secretario xeral de Política Lingüística descubre este xoves unha placa no centro educativo que leva o nome do poeta e xornalista xalleiro // Entregaranse os premios do Concurso de Debuxo, no que participaron 279 alumnos TEXTO M. Boo

Remata a homenaxe a Pepe de Xan Baña no ‘seu’ colexio

O Concello de Santa Comba non quixo pasar por alto o 150 aniversario do nacemento de José Baña Pose, máis coñecido polo seu alcume de Pepe de Xan Baña. As actividades programadas ó longo do mes de maio rematan coa entrega dos premios do Concurso de Debuxo no que participaron un total de 279 alumnos de Infantil e Primaria.

O Colexio Pepe de Xan Baña será o escenario este xoves, a partir das doce e media da mañá, do acto co que remata esta homenaxe ó poeta e xornalista de Varilongo. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, descubrirá unha placa para conmemorar o 150 aniversario do nacemento do autor xalleiro diante da alcaldesa de Santa Comba, María Pose, e os concelleiros de Educación, Manuel Iglesias, e de Cultura, Cristina Fajín.

Os premiados recibirán un lote de libros, ó igual que os colexios participantes. En categoría Infantil o mellor debuxo foi o de Javier Muñiz Santamaría, do colexio Nuestra Señora de la Inmaculada, seguido de Lois Muiño Mariño, do Colexio Rural Agrupado A Tarandeira. No apartado dedicado a alumnos de 1º e 2º de Primaria gañou Sharay Ferreiro Vila, do colexio Pepe de Xan Baña, sendo o segundo premio para Avril Ramos Antelo, do colexio Nuestra Señora de la Inmaculada. Entre os rapaces de 3º e 4º de Primaria o vencedor foi Pedro Negreira Martínez, do colexio Barrié de la Maza, seguido por Xiana Rodríguez Pazos, do mesmo centro educativo. E Sara Pensado Blanco, do colexio Pepe de Xan Baña, recollerá o primeiro premio para alumnos de 4º e 5º de Primaria, mentras que Luis Blanco Agulleiro, do colexio Barrié de la Maza, recibirá o segundo.

Os participantes recibiron unhas láminas nas que plasmaron nun debuxo a súa idea sobre o poeta e xornalista local Pepe de Xan Baña, quen foi un referente na emigración en Cuba. As láminas levan impresa unha pequena biografía do homenaxeado máis un dos seus versos e unha ilustración coa súa figura, o que axudou a que os estudantes se puideran identificar co autor xalleiro.

Pero a homenaxe foi moito máis ampla. Pepe de Xan Baña foi dependente de adega, seminarista, poeta, xornalista, comerciante, mestre... pero sobre todo un dos escritores que cultivou o galego na emigración durante a súa estadía en Cuba.

O mes de maio, mes das letras galegas por excelencia, estivo dedicado na capital xalleira ó autor nacido en Varilongo. Para achegar alomenos un pequeno anaco da súa obra ós seus paisanos, os establecementos de hostalería de todo o municipio serven sobres de azucre con distintos versos do poeta para dar a coñecer parte da súa homenaxe a súa terra, ós seus paisanos ou á toponimia.

Este emigrante, que emprendeu camiño cara a Cuba cando tiña 17 anos embarcando o 19 de decembro de 1889, tamén protagonizou nestes días un roteiro no que figuran os lugares máis emblemáticos da súa vida máis os que menciona na súa obra.

A importancia de Pepe de Xan Baña vai moito máis alá da súa obra. A súa amplia formación chegoulle da man do Seminario no que ingresou tres anos despois de pisar Cuba, aínda que non finalizou a carreira eclesiástica. A súa faceta profesional derivou ó xornalismo. Foi a man dereita de Curros Enríquez, unha das figuras do Rexurdimento, traballando con el no diario La Tierra Gallega, que fundou o autor de Celanova na Habana, e son moitos os que consideran que a obra de Curros non sería a mesma de non ser pola influencia de Baña Pose, quen tivo unha importante presenza na prensa cubana, tanto en xornais locais como nos periódicos da colectividade galega. Foi redactor do semanario Follas Novas e colaborador no Diario de la Marina, Diario Español e Santos e Meigas.

A maiores, a súa actividade foi importante tanto no Centro Gallego de La Habana como na entidade Hijos de Santa Comba de Negreira, da que foi fundador e ocupou o cargo de secretario na primeira directiva.

LIBROS E XORNAIS. En lingua galega publicou Cartas ós de Santa Comba de Negreira (1911), Vida e milagros de Pepe de Xan Baña en 30 anos en Cuba. Vindicación (1921) e Suspiros n´a terriña, despois de trinta e dous anos d´a Habana (1922). Foi no ano 1921 cando cruzou de novo o charco para visitar o seu Santa Comba natal. Aproveitou a súa estadía para impartir dúas conferencias: unha no colexio Cuba da Baña e outra na feira de Santa Comba, que serían publicadas nun folleto á súa volta á illa caribeña completándose a súa obra con artigos en distintos xornais e revistas.

Pepe de Xan Baña, todo un exemplo e un avanzado na escrita en galego desde a emigración, morrería na Habana o 16 de outubro de 1945, cando contaba con 73 anos, sendo soterrado no panteón do Centro Gallego da Habana.

Esta figura literaria ben merece ser recordada e ser motivo de orgullo para os veciños de Santa Comba, e en extensión polos de Bergantiños e Soneira onde gozaba de moita sona, polo que o Concello espera darlle continuidade en anos vindeiros a esta merecida homenaxe que se viviu ó longo do mes de maio no municipio xalleiro.

02 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.