Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Bergantiños. Concellos e Deputación velarán pola biodiversidade e a riqueza ecolóxica do río que vertebra a comarca // Impulsarán tamén actividades para preservar o patrimonio inmaterial e a identidade cultural TEXTO Manuel Lavandeira

Revalorizarán a arquitectura e a paisaxe da ribeira do Anllóns

A Deputación Provincial da Coruña e os alcaldes dos concellos da Laracha, Cabana, Carballo, Coristanco e Ponteceso formalizaron o convenio marco do denominado Proxecto Anllóns, entre cuxos obxectivos está o de promocionar e desenvolver un modelo de turismo sostible a través de iniciativas que teñan o río Anllóns como eixo central.

Co obxecto de preservar a biodiversidade e o patrimonio natural propio desta comarca, o proxecto contemplará accións de recuperación do bosque de ribeira e a erradicación da flora alóctona e plantas invasoras en ámbitos próximos ao río, que serán complementadas con diversas accións divulgativas entre a comunidade escolar.

Entre as iniciativas a incluír no proxecto tamén se valorarán as relacionadas co patrimonio inmaterial e a identidade cultural vinculada ao río Anllóns, como poden ser a recuperación de sendeiros de pescadores, a posta en valor de lendas e de historias de tradición oral ou iniciativas relativas a infraestruturas fluviais, como por exemplo as minicentrais ou os muíños de batán.

A formalización deste convenio, que ten unha duración inicial de 4 anos, chega despois da súa aprobación en acordo plenario no pasado mes de xullo. As súas bases detallan o procedemento a levar a cabo para a xestión conxunta do proxecto, para o que deberán redactarse unha memoria e un plan director.

O espazo de cooperación estará impulsado e dirixido a través dun órgano colexiado que se denominará Consello de Dirección e que estará formado por dous representantes de cada unha das corporacións participantes, incluída a Deputación Provincial da Coruña, que prestará tamén apoio administrativo, asesoramento xurídico e económico.

O mencionado convenio foi asinado na sede provincial polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e polos cinco alcaldes: José Manuel López (A Laracha), José Muíño (Cabana de Bergantiños), Evencio Ferrero (Carballo), Juan Carlos García (Coristanco) e Lois García Carballido (Ponteceso).

No acto participou tamén o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, quen explicou que o “proxecto pretende poñer en valor, en primeiro lugar, a riqueza ecolóxica e a biodiversidade do trazado do río Anllóns, mais tamén desenvolver accións relacionadas co patrimonio innmaterial e mesmo coa identidade cultural relacionada co propio río”. Neste sentido, salienta a importancia do propio trazado do cauce, que nace na parroquia de Soandres, no concello da Laracha, e percorre a comarca natural vertebrándoa ata desembocar no estuario de Anllóns, en Ponteceso.

Pola súa banda, o alcalde de Cabana, José Muíño, afirmou que Proxecto Anllóns “é por fin unha realidade”, e avanzou que “o acordo vai posibilitar explotar un recurso paisaxístico de beleza incomparable, como é o río e especialmente o esteiro, e seguir apostando por un turismo sostible e de calidade”.

Neste sentido, o rexedor cabanés agradeceu “a disposición do resto de institucións implicadas e que fixeron posible o proxecto”. Unha iniciativa que se vén fraguando dende hai máis de dous anos, pero que se viu freada durante este tempo a causa da crise sanitaria da COVID.

o protagonista
“É unha aposta polo turismo sostible”
Valentín González
Presidente da Deputación
da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, explicou que este acordo permitirá crear un ente de cooperación intermunicipal que permita xestionar e impulsar o proxecto, entre cuxos obxectivos está o de “promocionar e desenvolver un modelo de turismo sostible a través de iniciativas que teñan o río Anllóns como eixo central”.

Subliñou “a importancia da colaboración institucional para xestionar esta ambiciosa iniciativa, entorno a un río de máis de 54 quilómetros que vertebra a comarca de Bergantiños” e que incluirá accións para a recuperación e posta en valor da arquitectura tradicional e a paisaxe natural da ribeira do Anllóns. Os seus recursos e valores naturais e patrimoniais, entre outros, foron recollidos no libro O río Anllóns, arteria principal de Bergantiños, editado polo Instituto de Estudos Bergantiñáns.

{ pasaba por aquí }
Pola canle
da unión
Manuel Lavandeira

o río anllóns foi e segue sendo o eixo vertebrador da comarca de Bergantiños, un elemento de unión que agora serve tamén para xuntar aos concellos polos que discorren as súas augas. Benvida sexa esta canle de unidade para promocionar e revalorizar de xeito conxunto unha riqueza paisaxística, biolóxica e patrimonial que é de todos. Os recursos están aí e só hai que darlles o valor que teñen para convertelos en elementos dinamizadores do turismo e da economía local. Este é o modelo a seguir tamén noutros ámbitos, xa que dende a unión e deixando de lado os localismos é posible conquerir obxectivos maiores que, ademais, beneficiarán a toda a comarca. Esperemos que este sexa só un paso máis cara a novos proxectos conxuntos.

25 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.