Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Reviviu a Casa de Rosalía cos artistas de Abride a Fiestra

Kiko da Silva, Suso de Toro, Berlai e Uxía son algunhas das figuras que estiveron en Padrón

A Casa de Rosalía acolleu durante a xornada de onte a un total de 150 persoas, o límite máximo establecido, que se achegaron ata Padrón para desfrutar da terceira edición do festival Abride a Fiestra. Unha proposta que desenvolveu a Fundación Rosalía de Castro e que acolleu diferentes manifestacións culturais que tiveron a Rosalía como figura central.

Todos os que onte se achegaron ata a celebración fixérono, por suposto, usando máscara e respectando todas as medidas de seguridade e puideron desfrutar das propostas de forma gratuíta e sen pedir cita previa.

A xornada arrancou co artista Kiko da Silva, colaborador neste xornal, debuxando a Rosalía de Castro na horta da Casa da Matanza, xunto a outros moitos agrupados baixo a asociación Galeoska. Acto seguido foi o turno dun mini concerto de Uxía no Piano de Rosalía e seguidamente, no interior do auditorio, Pepe Barro fixo un relatorio sobre os 50 anos da Casa de Rosalía.

Os máis pequenos e pequenas puideron asemade desfrutar dun concerto de Uxía dirixido a eles; e por suposto houbo cabida para as presentacións literarias. Así, amosouse ao público o libro IV Correspondencia da familia Murguía-Castro e outras cartas e o último número da revista de estudos rosalianos Follas novas, da man do seu director Xosé Luís Axeitos. A música tivo gran protagonismo ao longo da xornada. A parte de Uxía, os asistentes puideron desfrutar do Dúo Vaguedades, con Fran Rei e Isabel Risco, como Rosalía e Pondal. A mañá deuse por pechada cunha cata de viños auspiciada pola adega Paco & Lola.

A tarde arrancaba con Xavier R. Baixeras, que amosou o seu último traballo, Rosalía e a cociña. Acto seguido Soledad Felloza divertiu aos máis cativos e cativas cun espectáculo dirixido a toda a familia. A calurosa xornada continuou coa presentación de Espazos de Rosalía en Compostela, coa súa autora, Mercedes Espiño.

A media tarde Berlai amenizou o festexo cun mini concerto no Piano de Rosalía. Un acto que deu paso ao coñecido autor Suso de Toro, que se achegou ata Padrón para falar da súa última obra: Un señor elegante, un libro no que a Casa da Matanza está moi presente.

A programación musical completou o resto da tarde. Non faltou un concerto de Berlai e Verto ao Piano de Rosalía e en concerto. Tamén tivo lugar un recital poético multilingüe con Anna Gas, Antón Blanco, Alba Cid, Berta Piñán, Genaro da Silva, José Rui, Tere Irastortza e Luz Pichel. O festival Abride a Fiestra rematou cunha observación da estrela Rosalía de Castro xunto á Agrupación Astronómica Ío.

A xornada correu segundo o previsto, acadando un gran éxito ao concertar a máxima cantidade de persoas permitidas por seguridade. A pesar da calor, a música, a literatura, os contacontos e espectáculos teatrais non cesaron e fixeron as delicias de todos os que se achegaron onte ata a Casa de Rosalía neste festexo tan especial.

18 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.