Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rianxo acollerá un foro sobre os retos dos montes veciñais

Organizado polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza, analizará a súa traxectoria xurídica e o seu papel na transición ecolóxica

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza unha xornada aberta de información e debate sobre os retos actuais dos montes veciñais, que terá lugar este mércores 30 de 19.00 a 20.30 horas no auditorio municipal de Rianxo.

Os profesores Xesús Balboa (Universidade de Santiago de Compostela) e Xavier Simón (Universidade de Vigo) e Rubén Leboreiro (director da firma Edafotec) abordarán a traxectoria xurídica da propiedade comunal e o papel dos montes veciñais na transición ecolóxica (a enerxía eólica e a captura de CO2). Posteriormente terá lugar un debate cos asistentes ao acto.

A xornada vai dirixida ás comunidades de montes, pero seguro que será relevante para outras persoas interesadas nestes temas. A entrada é libre ata completar aforo e non é necesaria inscrición.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é un proxecto de investigación-acción para apoiar e ampliar iniciativas de xestión sostible do territorio promovidas polas comunidades locais co obxectivo de que poidan converterse en exemplos inspiradores para outras persoas e entidades.

O proxecto é froito dunha colaboración entre a Fundación RIA (que fundou o prestixioso arquitecto británico David Chipperfield), a Fundación Banco Santander e a Universidade de Santiago de Compostela, co apoio da Cátedra Juana de Vega, para recuperar o coñecemento local ao que se lle deu as costas nas últimas décadas. Centrado no ámbito da comarca do Barbanza, desenvolveuse en dúas fases: unha de investigación e outra de cción.

Ademais da consulta de numerosas fontes documentais, a fase de investigación baseouse na realización de trinta entrevistas a máis de cincuenta persoas de tres comunidades da comarca (Laíño, Froxán e Baroña). Isto permitiu coñecer as formas de xestión do territorio que se deron historicamente, as transformacións que sufriron estes territorios nos últimos setenta anos e os principais problemas aos que se enfronta a poboación rural no desenvolvemento das súas actividades.

PROXECTOS SEMENTE. A segunda fase do mencionado proxecto, a acción, comezou coa aplicación das leccións aprendidas durante a investigación mediante unha convocatoria aberta para o fomento de iniciativas sostibles e innovadoras (denominadas Proxectos Semente).

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza recibiu quince proxectos, cuxa calidade puxo de manifesto a existencia dun gran potencial para promover o desenvolvemento da comarca por parte da comunidade local. Os tres proxectos seleccionados recibiron unha dotación de 5.000 € cada un para recoñecer o seu traballo e promover o seu desenvolvemento e amplificación.

BRAÑA DE LAÍÑO. Todo o proceso e os seus resultados foron amplamente difundidos a través da creación da web barbanzaecosocial.org, das redes sociais do proxecto, do libro Cando eramos sostibles e de diversas publicacións xornalísticas.

En 2022 e 2023, o Laboratorio Ecosocial centra a súa actividade no apoio ás iniciativas locais na braña de Laíño e aos montes de Rianxo.

delegribeira@elcorreogallego.es

28 nov 2022 / 14:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.