Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ribeira adxudica asfaltados e redes de saneamento en seis parroquias

Para as obras en Aguiño, Castiñeiras e Oleiros presentáronse 102 ofertas, e para as de Olveira, Santa Uxía e Palmeira, 106 // Comeza a reforma da rúa Rosalía

O Concello de Ribeira adxudicou en dous días oito obras que se van levar a cabo en seis parroquias do municipio.

O pasado xoves adxudicáronse catro actuacións que se acometerán en Aguiño, Castiñeiras e Oleiros e que, sumadas, aglutinaron un total de 102 ofertas. Así, no caso da pavimentación e renovación das redes de auga potable e pluviais da rúa Luis Pimentel de Aguiño rexistráronse 23 ofertas.

Polo que respecta á pavimentación, pluviais e saneamento na rúa da Chouza (Castiñeiras), concorreron 21.

As outras dúas licitacións corresponden a obras que se executarán en Oleiros: por un lado, a instalación de rede de saneamento con pozo de bombeo no lugar de Muíños (30 ofertas) e por outro a instalación de rede de saneamento con pozo de bombeo no lugar de Canabeiro (28).

E o venres abríronse as ofertas doutras catro actuacións na Cucheriza (Olveira), Rosalía de Castro e Sidreiras (Ribeira) e Lombas (Palmeira), que desta vez sumaron un total de 106 ofertas.

No caso do saneamento no lugar da Cucheriza recibíronse 26, a mesma cifra que para a instalación de saneamento e abastecemento no lugar de Lombas. As outras dúas aperturas corresponderon a outras tantas intervencións en Ribeira: por unha banda a instalación de rede de pluviais na rúa Sidreiras e transversal, con 28 ofertas, e por outra a pavimentación con plataforma única da rúa Rosalía de Castro, entre Marcial do Adalid e Irmandiños (26).

Por outra banda, a semana pasada comezou a pavimentación de dous camiños situados en Oleiros: o do lugar de Sancortes e o que desemboca no cemiterio desa parroquia.

SANCORTES. Ambos viais posúen un firme de aglomerado asfáltico bastante deteriorado nalgúns tramos, polo que se considerou a conveniencia de executar esta obra coa fin de mellorar os seus firmes cunha nova pavimentación. Así, no que se refire ao camiño de Sancortes aplicarase unha capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros na calzada (unha superficie de 980 metros cadrados), previa limpeza das marxes, acondicionamento da superficie e extensión de zahorra artificial nos sobreanchos.

ACCESO Ó CEMITERIO. Polo que respecta ao camiño do cemiterio, a mestura de bituminosa en quente a aplicar é de seis centímetros de espesor nunha superficie de 2.147 metros cadrados. Ao igual que no outro vial, con antelación limparanse as marxes, adecuarase a superficie e botarase zahorra artificial nos sobreanchos.

A actuación está sendo desenvolvida por Nemesio Ordóñez S.A. e supón un investimento de 31.619 euros, IVE incluído, financiados no marco do POS+2018 da Deputación Provincial da Coruña.

comarcas@elcorreogallego.es

proxecto
Melloras nunha área recreativa

··· O Concello de Ribeira solicitou unha subvención á Xunta coa fin de mellorar a área recreativa situada xunto ao colexio de Olveira. Con ela pretende mellorar tanto a parte destinada a parque infantil como a do miradoiro cara o parque dunar. A este respecto, na zona do parque recolocaranse os xogos e dotarase aos mesmos dunha superficie de caucho continuo. Doutro lado, vanse substituír os actuais bancos de pedra por outros novos de madeira, instalar mesas de madeira tipo picnic e plantar árbores autóctonas.

··· Os traballos completaríanse colocando un panel con información ambiental explicativa do contorno. O orzamento é de 48.888,58 €. Solicítase o cen por cen do custo subvencionable do proxecto, equivalente ao total do orzamento, excluído IVE, é dicir, 39.990,56 euros.

21 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.