Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ribeira amosará a súa cara máis solidaria con Ambar

Regresa a carreira pola diversidade presencial e mantense tamén a virtual // O obxectivo é dar visibilidade ao traballo pola inclusión

As rúas de Ribeira serán escenario o día 11 da carreira pola diversidade que organiza a asociación Ambar, un certame que nesta sétima edición volve a ser presencial ademais de ofrecerse a posibilidade de realizar unha andaina virtual.

A actividade foi presentada no consistorio ribeirense pola presidenta do colectivo organizador, Milagros Rey; Mari Carmen González, profesional desta entidade; Abraham Benítez, voluntario e adestrador do equipo de Running de Ambar; Fernando Carvalho e Héctor Vidal, integrantes deste equipo; e o alcalde de Ribeira Manuel Ruiz.

A carreira dará comezo ás 10.00 horas, sairá da explanada de Coroso e contará cun número máximo de participantes de 150 prazas. Segundo informou Abraham Benítez, as saídas serán de cinco en cinco cada vinte segundos para cumprir os protocolos antiCOVID. Ademais recalcou o feito de que, a diferenza de anteriores convocatorias, non se quere facer un chamamento a que haxa espectadores por prevención nin tampouco está previsto un acto público de entrega de trofeos.

En canto á andaina virtual, coa iniciativa preténdese alcanzar un maior número de persoas e promover a participación e convivencia cos valores de Ambar. As persoas que se inscriban poderán subir ás redes sociais unha fotografía ou vídeo realizando a ruta entre o 9 e o 11 e etiquetar a asociación.

En ambos casos, tanto na carreira como na andaina, as inscricións poden facerse ata o 8 de xullo á medianoite en cronotec.es, onde tamén se pode optar por colaborar co Dorsal 0 e aboar unha cota solidaria se non se pode asistir. O custo da inscrición é de 6 € e a recadación será destinada á adquisición de material para a prevención do contaxio por COVID para as persoas con diversidade intelectual.

Durante a súa intervención na presentación da carreira, a presidenta da asociación Ambar subliñou a importancia de dar visibilidade ao traballo pola inclusión na sociedade das persoas con diversidade funcional. Pola súa banda, o rexedor ribeirense animou á cidadanía a que se involucre física ou virtualmente na iniciativa.

04 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.