Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Salimat e Turexpo xeraron dúas mil cincocentas reunións de negocio

Nelas participaron 18 compradores e 38 turoperadores de diferentes países // Semana Verde pecha hoxe as súas portas tras tres días de intensa actividade

Un total de 2.500 reunións de negocio propiciaron estes días os salóns turísticos e de alimentación, Turexpo e Salimat, celebrados dende o venres no marco da 43ª Feira Semana Verde de Galicia, que pecha este domingo as súas portas en Silleda tras tres días de intensa actividade.

O Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, que celebra a súa 24ª edición, volveu contar o venres e o sábado pola mañá cos Encontros Internacionais de Compradores, un espazo de negocio que facilita ás empresas presentes no certame, especialmente Pemes, a apertura de novos mercados, tanto en España como noutros países.

No seu marco mantivéronse 600 reunións de negocio, nas que 70 empresas presentes na feira mostraron os seus produtos a 18 importadores e distribuidores alimentarios de oito países: Dinamarca, España, Francia, México, Portugal, Países Baixos, Reino Unido e Suíza. Destes participantes, catorce foron importadores e catro compradores nacionais, correspondéndose estes últimos cun distribuidor e tamén cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no noso país, como son Carrefour, Gadisa e El Corte Inglés.

En xeral, as impresións tanto entre os compradores como entre as empresas vendedoras foron moi positivas, segundo a organización.

Ademais das reunións de negocio, os Encontros Internacionais de Compradores incluíron o pasado xoves unha actividade na que participaron a maioría de importadores e distribuidores. Esta consistiu en visitas a unha empresa conserveira, unha adega e unha queixería.

Pola súa banda, o X Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2021, contou coa súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística, que volveu converterse nunha efectiva plataforma de negocio para o sector. Así, no seu marco celebráronse en torno a 1.900 reunións de negocio entre preto dun cento de empresas e 38 turoperadores con presenza en once países: Alemaña, Bulgaria, EEUU, España, Francia, Italia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Suíza e Ucraína, xa que dous dos operadores non puideron asistir finalmente a este evento feiral por distintos motivos.

As empresas turísticas puideron mostrarlles detalladamente as súas propostas, co obxectivo de que as incorporen ás ofertas que farán aos seus clientes nos países nos que contan con oficinas. En canto aos operadores turísticos, trasladaron á organización que a Bolsa superou as súas expectativas, tanto polo número de empresas participantes como pola gran variedade de propostas.

Así mesmo, destacaron a importante presenza de entidades portuguesas nas mesas de negocio, o que lles permitirá ofertar un destino que inclúe dous países.

Por outra banda, subliñaron as medidas de seguridade, que contemplan, entre outros aspectos, a separación con mamparas e múltiples puntos de hixienización.

Finalmente, as empresas que mostraron propostas aos operadores tamén expresaron unha gran satisfacción e expectativas de negocio.

PROTEXER O MEDIO natural
TALLERES DE CAZA E PESCA

··· A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou a VII Feira de Caza, Pesca e Natureza, que ata este domingo ofrecerá un completo programa de actividades co fin de difundir a necesidade de protexer o medio natural e facer un aproveitamento sustentable do mesmo a través de actividades como a caza ou a pesca. Neste sentido, a responsable autonómica salientou a importancia e o impacto que teñen este tipo de eventos na Comunidade galega, onde, lembrou, a actividade cinexética e pesqueira teñen moito arraigo, como demostran os preto de 37.000 cazadores e os máis de 32.000 pescadores con licenza que hai rexistrados actualmente. Durante o seu percorrido polo recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, Vázquez, que aproveitou para probar algunha actividade como o arco, explicou que a Consellería colabora no evento cunha achega de 12.000 euros e a implicación directa de persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que se encarga de impartir durante as tres xornadas algunhas das actividades de carácter divulgativo coas que se dará a coñecer aos asistentes os valores naturais de Galicia.

05 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.