Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Oito décadas despois do fin da gran guerra, na que a mina se converteu nun próspero negocio, un grupo australiano quere retomar a extracción do prezado metal, con usos na aeronáutica ou o automobilismo // O Concello lousamián vixiará con lupa cada paso e quere declarar BIC o vello poboado TEXTO Suso Souto

San Finx: volve a febre polo wolframio

A historia documentada das minas de San Finx (Lousame) comeza cando o británico Sir Thomas Winter Burbury chegou a Noia na década de 1880 e, tras facer algunhas prospeccións, solicitou concesións mineiras de estaño. Estas estaban situadas nas inmediacións de Noia, e fóronlle doadas ao seu sobriño, Sir Henry Winter Burbury, quen seguiu facendo prospeccións e en 1890 aparece como propietario da concesión Phoenicia, en San Finx.

Este xacemento chegou a ser o motor económico de Lousame e toda a contorna nas décadas centrais do século vinte. A compañía inglesa The San Finx Tin Mines Limited rexistrou a concesión mineira de estaño Phoenicia, sita no lugar de Covas dos Mouros, preto da aldea de Forjano (actual Froxán).

Durante ese período, o mineral que se explotaba era o estaño, fundamentalmente, pois o wolframio aínda non tiña tantas aplicacións coñecidas. Foi nos anos 40 e 50 cando se comezou tamén coa extracción destoutro mineral, que tamén aparece en San Finx con moita pureza e cunha abundancia similar á do estaño. Nese período cobra gran valor o wolframio, debido á Segunda Guerra Mundial, polo aprovisionamento deste metal, especialmente para Alemaña, Inglaterra e EEUU. A poboación de Lousame pasou entón dos 4.000 habitantes que tiña o concello no ano 1900 a superar os 6.500 no ano 1955.

Na contorna da infraestrutura mineira, debido á cantidade de xente que alí traballaba, constituíuse pouco a pouco un poboado. Tanto os mineiros como as súas familias podían residir nas casas construídas pola empresa explotadora para tal fin. Os xerentes residían, ata os anos 60, na Xerencia; na Casa Azul vivían facultativos e pagadores e as súas familias; na Casa de Castiñeiros aloxábanse facultativos; o médico vivía na Casa de Regos; na Casa do Páramo vivían os traballadores solteiros; no Cuartel Vello vivía un grupo escollido de traballadores, oficinistas, encargados...; no Cuartel Novo (onde hoxe están situadas as separadoras magnéticas e os fornos) aloxábanse entre 40 e 50 mineiros, que dispoñían dunha pequena fonda, cociña e carnicería, podendo contratar o servizo de cociñeira; e nas Casas Baratas, dous edificios con tres vivendas cada unha, residían algúns traballadores e as súas familias.

A partir dos anos 60, o prezo dos minerais foi decaendo e con el veu o progresivo abandono da explotación, que remata a finais dos 80, co cese da actividade extractiva.

Hoxe, 77 anos despois do final da gran guerra, San Finx volve centrar o interese en torno á extracción do wolframio, que se converteu nun produto moi demandado na UE e mesmo foi catalogado como materia prima crítica (sen substituto).

As súas propiedades outórganlle múltiples aplicacións. Úsase nos sectores tecnolóxico (teléfonos intelixentes e móbiles), enerxético (iluminación), automobilístico, aeronáutico, sanitario ou metálico (ferramentas de corte e perforación).

A semana pasada, o grupo australiano Rafaella Resources anunciaba a adquisición da mina de San Finx a Valoriza Minería e a súa intención de realizar unha revisión detallada do recurso menos profundo, xa que conta con todos os permisos necesarios para a reanudación da explotación mineira por encima dos niveis inundados, mentras agarda a que remate a tramitación para liberar algunha galería das augas pluviais acumuladas. A compañía posiciónase así estratexicamente para converterse nun proveedor líder en Europa Occidental dun mineral crítico que se enfronta a importantes riscos na cadea de subministración debido ao dominio de China.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, lamenta que se tivese que enterar “pola prensa” de que a mina acaba de cambiar de donos. “Gustaríame que me tivesen informado, aínda que non teñen a obriga de facelo. Pero son as formas”, dixo.

A súa postura respecto ao futuro da mina é clara: “parto da base, e estou segura, de que as distintas administracións lle esixirán á compañía o estrito cumprimento da legalidade para desenvolver a actividade. O wolframio é na actualidade un material estratéxico. E non podemos ser hipócritas; non podemos rechazar esa actividade porque sería mirar para outro lado mentres desfrutamos de todo o que se produce con ese metal e mentres se explota noutros lugares sen control. Temos a oportunidade de facelo ben”, indica.

“Deberanse garantir as condicións do vaciado, e está a exposición pública o plan de rexeneración do río. Dende o Concello faremos un seguimento dese expediente. Eu non estou en contra de ningún sector económico. E non imos ir en contra de ningunha actividade produtiva se cumple con todas as normativas. Hai unha mina en Austria nun parque natural. Sempre que as garantías sexan máximas e se cumpran todos os requisitos, non vexo por que habería que opoñerse a esa actividade”, sinala Teresa Villavarde.

A outra cara deste recinto mineiro lousamián é o turismo. E é que o antigo poboado mineiro de San Finx é hoxe un dos principais reclamos de Lousame, despois de ter sido rehabilitado e musealizado.

Neste sentido, a rexedora explica que lle gustaría conseguir para ese museo a catalogación de Ben de Interese Cultural (BIC) e que “non renuncio” ao vello proxecto para restaurar unha das galerías subterráneas da mina. Ao respecto, Villaverde engade que “trataríase de acondicionar un tramo dun cincocentos metros de longo dunha das galerías para que o público a puidera visitar en vagóns e con guías, vendo as vetas de wolframio”.

Á antiga escola preténdese darlle contido cunha exposición de minerais e paneis que permitan comparar como era a minería antigamente e como é agora (para o cal se está elaborando un proxecto de musealización); nos talleres exhíbense pezas recuperadas e unha maqueta da zona realizada pola Cámara de Minería, á que pronto se sumará outra realizada por alumnos do CPI Cernadas de Castro; no Cuartel Vello está a cafetería-restaurante, cuxa concesión xa finalizou e que o Concello sacará de novo a concurso.

10 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.