Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Esta iniciativa acometerá os treitos entre o 30 de outubro e o 20 de novembro // Trata de divulgar os valores naturais e xacobeos da capital xalleira // Incluirá un bus para os traslados e o apoio da Policía Local e Protección Civil TEXTO Manuel Boo

Santa Comba anima a coñecer a súa Vía Céltica en catro etapas

A través de catro etapas, toda a veciñanza xalleira e da contorna pode pereregrinar a Santiago de Compostela a través dos treitos da Vía Céltica que unen a Terra do Xallas e a capital de Galicia. O Concello de Santa Comba, a través da súa concellería de Turismo organiza unha peregrinación por etapas que comezará o vindeiro domingo 30 de outubro e que rematará na praza do Obradoiro o 20 de novembro, logo de percorrer uns sesenta quilómetros en total, aínda que se poida disfrurtar de etapas de maneira individual.

A primeira etapa, o 30 de outubro, unirá Castriz con Santa María de Paramos, en terras dubresas, logo dun precioso percorrido por sendeiros de gran beleza natural, aproveitando unha variante para visitar a emblemática fonte de Vilamaior, pasando polo antigo Hospital de Peregrinos de Carboeiro, na parroquia de Freixeiro, e adentrándose no Concello de Val do Dubra para rematar na localidade de Paramos, onde se unen os ramais norte e sur da Vía Céltica.

A parte norte desta Vía Céltica entra no Concello de Santa Comba desde Coristanco nas inmediacións da Braña da Serra en Boaña, achegándose ó lugar de Hospital, onde está constatada a existencia doutro antigo dispensario de peregrinos, pasando polas proximidades dos dominios da antiga fortaleza medieval de Castriz, preto de Xallas de Castriz, onde se ubica a Igrexa parroquial de San Pedro de Castriz, punto de saída desta primeira etapa.

O segundo percorrido transcurre polo outro ramal da Vía Céltica, o Sur, e unirá as localidades de Vilar de Céltigos e Paramos, na travesía máis longa desta centenaria peregrinación, o domingo 6 de novembro.

A Vía Céltica, desde os portos da Costa da Morte, entraba na Terra do Xallas despois de atravesar A Terra de Soneira, pola parroquia de San Xoan de Grixoa, sendo Vilar de Céltigos a súa entidade de poboación máis importante ( e a de todo o Concello xalleiro ata comezos do século XX). De Vilar de Céltigos, os camiñantes irán por Mallón, As Antes, atravesarán o río Xallas pola Ponte da Cova, pasarán por Santa Comba, Salgueiroas, Cruz de Santos, Abuín, para adentrarse na parroquia de Freixeiro por Vilarnovo e, posteriormente, chegar a Paramos.

A terceira etapa unirá as localidades dubresas de Paramos e Belén, pasando por San Román e atravesando o río Tambre en Portomouro, para subir ata Santa María de Belén, lugar onde está documentada unha miragre cun peregrino hai séculos. Esta etapa, a máis corta do itinerario, terá lugar o domingo 13 de novembro

REMATE. O derradeiro tramo da peregrinación xalleira irá desde Santa María de Belén ata a Catedral de Santiago, noutro precioso percorrido que albiscará Compostela desde a zona do Monte Pedroso o domingo, 20 de novembro. Os participantes poderán completar a súa andaina de catro días asistindo á Misa do Peregrino.

Esta actividade de promoción dos entornos naturais da Terra do Xallas e dun dos Camiños de Santiago que a atravesan será de balde, e os participantes contarán con bus de traslado e o apoio de seguridade da Policía Local e do Servizo de Protección Civil da capital xalleira, que axudarán a facer un traxecto o máis seguro posible, axudados pola responsabilidade dos participantes. As inscricións poden realizarse na páxina web www.santacomba.es.,

Desde o Concello de Santa Comba anímase a tódolos colectivos e veciños a participar nunha actividade que dará a coñecer un percorrido que unía a Costa da Morte e o sepulcro do Apóstolo Santiago por terras do interior da provincia da Coruña.

Nese labor de difusión da Vía Céltica hai apenas dúas semanas un grupo de medio cento de visitantes do Colexio de Médicos de Madrid realizaron un treito baixo as indicacións do Departamento de Turismo do Concello de Santa Comba.

Un tramo de case oito quilómetros entre as igrexas de San Pedro de Castriz e Santa María de Vilamaior foi a parte do Camiño do que disfrutaron polos paraxes naturais xalleiros nunha agradable xornada na que acompañou a climatoloxía. A propia alcaldesa, a popular María Pose, recibiu na fonte de Vilamaior a este grupo de facultativos, agradecendo que apostaran pola Vía Céltica para a súa xornada, un Camiño de Santiago de recente recoñecemento, e polo que empeza a apostar o concello xalleiro.

21 oct 2022 / 23:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.