Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O Concello reparte sobres de azucre ca figura e versos do poeta local de balde entre a hostalería // Daralle pulos a un certame de debuxo escolar con material didáctico e libros como galardóns // Ultiman un roteiro e visitas teatralizadas TEXTO O. D. Vilar

Santa Comba homenaxea a Pepe de Xan Baña neste mes das letras

O Concello de Santa Comba celebra o 150 aniversario do nacemento de José Baña Pose, máis coñecido como Pepe de Xan Baña, nado o catro de xaneiro de 1872 na capital xalleira. E un equipo coa alcaldesa, María Pose, á fronte, secundada pola concelleira de Cultura, Cristina Fajín, e o edil de Educación, Manuel Iglesias, prepara unha serie de actividades que poñan en valor ó autor que foi dependente de adega, seminarista, propietario dun restaurante, poeta, xornalista, comerciante, mestre... Pero, sobre todo, José Baña foi un dos escritores que cultivou o galego na emigración durante a súa estadía en Cuba.

O mes de maio, mes das Letras Galegas por excelencia, estará dedicado na capital xalleira ó autor nado en Varilongo. Para achegar alomenos un pequeno anaco da súa obra ós veciños, o Concello de Santa Comba está a repartir estes días de balde entre os establecementos de hostalería de todo o municipio sobres de azucre nos que figuran distintos versos do poeta para que se entreguen coas consumicións que se precisen. O obxectivo é dar a coñecer como este escritor homenaxeaba coas súas rimas á súa terra, ós seus paisanos ou á toponimia.

Pero a homenaxe a este emigrante que emprendeu camiño cara a Cuba cando tiña 17 anos, embarcando o día 19 de decembro de 1889, non queda aí. Haberá un acto central no colexio que leva o seu nome no que non faltarán a música e os xogos tradicionais. E no eido educativo tamén se impulsará un concurso de debuxo nas escolas, destinado a alumnos de Educación Infantil e Primaria, coa figura do poeta como eixo central e que repartirá lotes de libros e material escolar como premios tanto ós rapaces como ós centros educativos.

Para afondar máis na figura de Pepe de Xan Baña estase a elaborar un roteiro no que figuran os lugares máis emblemáticos da súa vida e os que menciona na súa obra. A maiores, organizaranse visitas teatralizadas para que este polifacético escritor permaneza vivo na memoria dos veciños de Santa Comba.

A importancia de Pepe de Xan Baña vai moito máis alá da súa obra. A súa ampla formación chegoulle da man do seminario no que ingresou tres anos despois de pisar Cuba, aínda que non finalizou a carreira eclesiástica. A súa faceta profesional derivou ó xornalismo. Foi a man dereita de Curros Enríquez, unha das figuras do Rexurdimento, traballando con el no diario La Tierra Gallega, que fundou o autor de Celanova na Habana, e son moitos os que consideran que a obra de Curros non sería a mesma de non ser pola influencia de Baña Pose, quen tivo unha importante presenza na prensa cubana, tanto en xornais locais como nos da colectividade galega. Foi redactor do semanario Follas Novas e colaborador no Diario de la Marina, no Diario Español e en Santos e Meigas. Na prensa adoitaba botar man do pseudónimo de Pepe de Xan Baña, alcume que tamén empregaría nos seus traballos.

NA HABANA. A maiores, a súa actividade foi importante tanto no Centro Gallego da Habana como na entidade Hijos de Santa Comba de Negreira, da que foi fundador e na que ocupou o cargo de secretario na primeira directiva. En lingua galega publicou Cartas ós de Santa Comba de Negreira (1911), Vida e milagros de Pepe de Xan Baña en 30 anos en Cuba. Vindicación (1921) e Suspiros n´a terriña, despois de trinta e dous anos d´a Habana (1922).

Foi en 1921 cando cruzou de novo o charco para visitar a súa Santa Comba natal. Aproveitou a súa estadía para impartir dúas conferencias: unha no colexio Cuba da Baña e outra na feira de Santa Comba, que serían publicadas nun folleto á súa volta á illa caribeña completándose a súa obra con artigos en distintos xornais e revistas. E non deixou pasar o seu labor altruista aportando vinte mil pesetas da época para investir no cemiterio da súa parroquia.

Pepe de Xan Baña, todo un exemplo e un avanzado na escrita en galego desde a emigración, morrería na Habana o 16 de outubro de 1945, cando contaba con 73 anos, sendo soterrado no panteón do Centro Gallego da Habana. Ademais de cantar ao Xallas, fíxoo a Bergantiños e Soneira, dándolle sona e propiciando en vindeiros anos máis tributos.

06 may 2022 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.