Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Segue a loita da Asociación de Mineiros Touro-O Pino para facer real o proxecto

Consideran que a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa non representa aos veciños e pídenlle que non interfiran no seu futuro

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) alza de novo a voz para tratar de frear unha posible reactivación do Proxecto Touro. “A empresa mineira xa presentou no Concello de Touro unha nova solicitude de compatibilidade urbanística, trámite que supón o primeiro indicio oficial. Perante este novo intento de reanudar a actividade, os sectores sociais afectados queremos transmitir a Atalaya Mining e á Xunta unha mensaxe clara e inequívoca: non imos dar licenza social a un proxecto extractivo que pretenda explotar a ceo aberto o cobre en Touro, e esiximos que afronten a restauración da desfeita ambiental deixada pola mineira nos últimos 35 anos”, sentencian os membros da PDRA.

Ante ditas declaracións, a Asociación de Mineros Touro-O Pino aclara que levan tempo traballando “da man da empresa promotora e das confrarías de pescadores e mariscadores, e outros actores produtivos da zona, para achegar posturas e ter a oportunidade de mostrar a compatibilidade de ambas actividades a través de documentación científica que posúe a empresa”, sinalan. Explican que “as conversas foron fructíferas e é unha sorpresa triste que apareza agora esta información, o que nos fai dubidar da verdadeira representatividade do sector do Mar que ten esta PDRA”. Esíxenlle “que se absteña de interferir no futuro da nosa comarca e a súa necesidade de desenvolver actividades como a posta en valor do depósito de cobre que alberga”, sentencian.

Consideran que a PDRA no representa a veciñanza da comarca “nin ten que conceder ningunha licenza social a un proxecto que está a 80 km da Ría”, din dende a asociación de mineiros. “Do mesmo xeito, dubidamos do interés da Plataforma Mina Non, que din representar a nosa veciñanza e que está composta por persoas que non son da comarca, en participar deste comunicado. A non ser que sexa por interese político. Así, podemos constatar que tras as acusacións infundadas e mentiras da PDRA se esconde unha obvia motivación política: os estudos presentados no seu momento por a empresa promotora demostran ás claras que a mina histórica ten cero influencia na calidade das augas da Ría, como afirma un amplo estudo de máis de tres anos feito por o Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) onde as súas conclusións son cristalinas”. Tamén volven mentir, aseguran “dicindo que os informes de Augas de Galicia acerca do proxecto son demoledores: nin sequera son negativos e se limitan a reclamar unha información máis detallada para asegurar ao 100 % que non habería afectación ás augas. Isto pódese contrastar moi facilmente consultando estes informes”, aclaran dende a entidade.

A asociación de mineiros tamén quere deixar constancia de que as presas de Riotinto e todas as existentes en Touro levan décadas construídas e non presentan nin presentaron ningunha sinal de inseguridade. Retan a que fagan públicos os informes nos que supostamente o IGME (CSIC) fala de “inminente catástrofe”.

Tamén queren aclarar que a restauración da mina non pode facerse antes da apertura. Algo que tachan de “absurda incongruencia” (ao respecto das declaracións da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa). Si se restaura “non se pode abrir a mina e ningunha empresa vai a investir nunha restauración de 50 millóns de euros nunha afección feita por un terceiro fai 40 anos. E menos para non obter un rendemento posterior, porque iso é imposible. Que prentenden, que non se restaure nunca? Que o paguemos todos os galegos? Esta postura, nin e boa para Touro e O Pino nin para a Ría”, preguntan.

Por outra banda, dende a asociación de mineiros amósanse sorprendidos de que se fagan afirmacións como a de que a Ría está contaminada con un metal de alta toxicidade como é o mercurio, “pondo en dúbida a seguridade alimentaria dos excelentes produtos da Ría de Arousa que todos os desfrutamos”. Do mesmo xeito, “e con respecto ás afirmacións de que as instalacións de xestión de residuos que existen na nosa comarca son responsables de problemas na calidade das augas da Ría, toca lembrar o sacrificio que esta comarca fai por este e outros sectores produtivos galegos, pois nos nosos concellos recollemos cantidades enormes de residuos da industria conserveira e das depuradoras do entorno da Ría. Que farían con eles se un día non lles permitíramos que se depositaran na nosa comarca?”, din.

“Por todo isto, permitímonos avisar aos compañeiros e compañeiras traballadores do mar sobre algunhas malas compañías, que cegados por o seu afán político son capaces de xogar co sustento das familias, tanto as de Touro e O Pino como as da Ría de Arousa, ás que din representar”, apostillan. “Por parte desta Asociación, seguimos traballando tanto para que a empresa promotora que quere investir na nosa terra 300 millóns de euros e crear 1.200 empregos, como a Xunta de Galicia como todos os estamentos sociais, científicos e políticos, atopemos unha visión común para facer deste proxecto industrial unha realidade. Por isto loitaremos ata as últimas consecuencias e esperamos que os nosos compañeiros e compañeiras do sector do mar nos axuden e nos apoien”, sentencian dende a entidade, deixando claro a seu firme compromiso co proxecto mineiro.

04 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.