Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Segue activa a crise da auga en Muxía e trasládase á política

As análises avalan que é apta para o consumo pero hai novos afectados pola gastroenterite

En Muxía a crise da auga segue activa, a pesares de que todas as análises realizadas ata agora desde que se restableceu o abastecemento na madrugada do sábado ofrecen resultados positivos e avalan a súa “idoneidade para o consumo”, segundo informa o Concello.

A pesares diso, na vila seguen detectándose novos casos de persoas afectadas por gastroenterite, un feito sobre o que, segundo o alcalde, “o que nos di Sanidade é que pode haber tamén unha afección vírica non relacionada ca auga, polo que recomendan ás persoas que presenten síntomas que o comuniquen ao seu médico para poder facer un seguimento do brote”.

Á marxe da problemática sanitaria, as que seguen a baixar revoltas son as augas políticas. Dende o PP non queren dar por pechada a crise, e a súa portavoz, Sandra Vilela, acusa ao alcalde, Iago Toba, de “crear unha sensación de falsa seguridade entre a poboación ao dar por feito que a auga da traída municipal cumpría todos os requisitos para poder consumirse cando aínda non se tiñan as análises definitivas sobre o estado da mesma”.

Critica a rapidez coa que o rexedor “pretende dar carpetazo a unha crise que provocou a intoxicación de máis de 200 veciños e veciñas de Muxía”. Denuncia ademais que se dese luz verde ao consumo de auga “sen saber os motivos reais de por que estaba mal e, o que é peor, sen saber se se podía consumir ou non con toda seguridade”.

Vilela asegura que desde o goberno local “quíxose desviar a atención sobre a verdadeira causa do problema. Falouse dunha vertedura de xurro que quedou descartada nas análises, para logo confirmar que o fallo se atopaba no proceso de clorado da auga”.

Por todo iso, dende o PP demandan “saber que pasou, en que consistiu o fallo, saber se se podería ter evitado e, sobre todo, esclarecer quen é o responsable”. Critica ademais a portavoz popular que “en Muxía a xente non sabía se podía consumir a auga que chegaba ás casas, pero ao alcalde o único que lle importaba era estar a aplaudir ao seu xefe”, en alusión a un acto do PSOE celebrado en Cee.

O alcalde, Iago Toba, pídelle á portavoz do PP que “se non se fía da información que están a ofrecer dende o Concello, que pregunte á Consellería de Sanidade, pois todos os pasos dados e as accións levadas a cabo foron consensuadas e avaladas polos responsables sanitarios que, en todo momento, nos dixeron que estabamos actuando correctamente”. A este respecto, sinala que “é imposible ofrecer máis transparencia e información”. O Concello, engadiu, seguirá facendo novos controis cada día e publicando os resultados dos mesmos.

“Criticar dende o sofá non soluciona os problemas”, conclúe o rexedor, e convida á oposición a “traballar para os veciños e veciñas de Muxía”.

06 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.